Santiago de Compostela/PSdeG | O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, reclamou hoxe ao presidente da Xunta que tome “medidas para evitar a exclusión financeira e garanta a igualdade de oportunidades dos galegos e galegas dos concellos pequenos”.
Así o dixo logo de manter un encontro con 14 alcaldes, alcaldesas e portavoces socialistas en concellos afectados polo peche de oficinas, entre os que estaban os rexedores e rexedoras de Vimianzo, A Baña, Dumbría e Forcarei.
“Cada semana estamos a ver peches de oficinas bancarias en pobos pequenos”, o cal, subliñou Gonzalo Caballero, supón “unha puñalada aos dereitos dos galegos e das galegas que viven no rural”. Amosa, afondou, un “retroceso de dereitos que non podemos consentir”. Por iso, emprazou ao presidente da Xunta a que dispoña medidas para “evitar a exclusión financeira e garantir a igualdade de oportunidades” dos galegos e das galegas.
“Cada semana estamos a ver peches de oficinas bancarias en pobos pequenos”
Do mesmo xeito, o líder socialista requiriu a Feijóo que “abandone a súa escalada de escapismo e de botar balóns fóra” e que “tome todas as medidas necesarias para paralizar o peche de oficinas bancarias” que se ten agravado nos últimos meses. Trátase, incidiu, de que faga realidade esa “aposta polo rural” que tanto anuncia o goberno galego garantindo a “discriminación positiva” dos pequenos concellos, sinaladamente aqueles que só contan cunha sucursal bancaria.
En definitiva, o portavoz do Grupo Socialista no Parlamento reclamou “unha carta de servizos básicos”, tamén financeiros, que garanta que todos os galegos e galegas teñan acceso a unha oficina bancaria no seu municipio. Ao fío disto, lembrou aqueles concellos cunha ampla maioría de poboación maior, que necesita de asesoramento e atención presencial para a xestión dos seus cartos e operacións.
Dito isto, o secretario xeral do PSdeG deixou claro que “non seremos cómplices” desta situación, mentres o goberno galego utiliza un acordo con entidades bancarias para instalar caixeiros automáticos a cambio de tres millóns de euros das arcas públicas.
A preguntas dos medios, Gonzalo Caballero subliñou que “é un avance poñer un caixeiro nunha localidade que non tiña sucursal bancaria”, pero recordou que a propia Fegamp “está pedindo que a Xunta garanta servizos análogos aos que había nos concellos”. “Alí onde hai oficina bancaria o obxectivo é mantela”, recalcou.
Ataque ao rural
Para profundizar no dano que fai aos concellos pequenos o peche de oficinas bancarias, a alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez, puxo o acento na dificultade da poboación maior para adaptarse á banca electrónica, sinaladamente en concellos onde o despregue da conexión dixital “non está ao cen por cen”.
Ademais, criticou as restricións horarias na atención bancaria, hábil tan só “para os poucos privilexiados que poden achegarse á oficina de 9 a 11”, nunhas sucursais conxestionadas por atender aos concellos limítrofes que quedaron sen servizo financeiro.
Pola súa banda, o alcalde da Baña, José Antonio Pereira, sinalou que a perda de sucursais supón “un atentado contra o rural” galego e incidiu en que pon en evidencia a falla de compromiso do goberno galego coa Galicia interior. No seu caso, indicou, ao obrigar á cidadanía a desprazarse aos concellos limítrofes, supón “que A Baña se descapitalice”.
Do mesmo xeito, o alcalde de Dumbría, José Manuel Pequeño, considerou “o colmo” que no seu concello pechase unha sucursal e que esta situación é a consecuencia “de facer desaparecer” as antiguas caixas galegas para “convertelas nun banco”, afastándose así das necesidades os galegos e galegas.
Asemade, a alcaldesa de Forcarei, Verónica Pichel, reivindicou as mesmas condicións para os veciños e veciñas da súa localidade “igual que en calquera outro lugar”, xa que, sinalou, “as persoas non son só números”. Recordou así o recente peche da sucursal de Soutelo de Montes, un núcleo con maioría de xente maior, que ten que afrontar así “unha nova problemática” derivada da perda deste servizo.