Santiago de Compostela/PSdeG | A voceira de Igualdade do Grupo Socialista, Noa Díaz, chamou á Xunta a impulsar un protocolo de actuación, no marco das competencias autonómicas, para orientar as políticas públicas en materia de servizos sociais, sanidade, seguridade ou igualdade cara á abolición da prostitución. Fíxoo, hoxe, no Pleno do Parlamento na defensa dunha proposición non de lei, que se votará mañá, ante o “problema estrutural” da violencia machista.
“É hora de pasar á acción”, incidiu a voceira socialista antes de urxir ao goberno galego a elaborar “estratexias comúns de actuación” para que calquera muller en contexto de prostitución que acuda, por exemplo, a un centro médico ou a unha cita cunha traballadora social “conte de inmediato co asesoramento e asistencia de profesionais que lle mostren os distintos recursos que dispón para poder abandonar este contexto no que é prostituída”.
Ao fío disto, a dirixente socialista instou ao goberno galego a dirixirse ao goberno de España para impulsar un marco normativo orientado cara á abolición da prostitución e, ao tempo, buscar un “maior consenso político e social” para renovar o Pacto de Estado contra a violencia de Xénero cando este se demostrou como “unha valiosísima ferramenta de soporte e coordinación” nesta materia.
Ademais, fronte ao forte incremento da violencia machista, Díaz urxiu á Xunta a pór en marcha, no primeiro trimestre de 2022, un plan urxente contra a violencia machista, “centrado na prevención e na educación”, de xeito que inclúa campañas de información e sensibilización con recursos para a súa identificación e servizos dispoñibles aos que acudir en caso de ser vítima.
“Temos que garantir cubrir todo o noso territorio de recursos dispoñibles para mulleres vítimas ou que precisen asesoramento do tipo que sexa”, sinalou a socialista, tal e como leva reclamando o Grupo Parlamentario “dende hai moito tempo”.
Ademais, a deputada socialista pediu incrementar os programas de formación en igualdade e prevención da violencia machista en todos os ámbitos, valorando incluso a súa obrigatoriedade no sanitario, a educación ou a xustiza.
“Escasa” eficacia do Observatorio
Por último, instou ao Observatorio Galego de Violencia de Xénero a que realice un “informe urxente” para avaliar a situación actual de Galicia sobre a violencia machista propoñendo novas medidas dirixidas á prevención e erradicación desta violencia, así como accións no ámbito educativo. “Non dubidamos do traballo que poida facer o Observatorio, pero si pensamos que a súa eficacia non é a debida”, sinalou a voceira ao censurar a “escasa ou nula transparencia” da súa actividade.
“Preocupación” polo incremento dos casos de violencia machista
Por último, Díaz amosou a súa “preocupación” polo incremento de violencia machista cando, a día de hoxe, 37 mulleres foron asasinadas e 5 menores foron vítimas de violencia machista. Así, destacou os datos do TSXG que apuntan a un aumento do 18% de vítimas de violencia machista durante o primeiro trimestre de 2021 e cando o propio Fiscal Superior de Galicia advertiu de que “cada día se incoan nos xulgados galegos 17 novos procedementos” por esta causa.
“Contra o machismo non serven as boas vontades; contra o machismo, contundencia e valentía que é o que pedimos”, concluíu.
Negativa da Xunta a aprobar o Plan Galego contra a Pobreza
O voceiro de Economía do Grupo Socialista, Juan Carlos Francisco, lamentou hoxe o voto en contra do Partido Popular á moción do PSdeG para reclamarlle á Xunta un plan galego de loita contra a pobreza e un plan extraordinario de loita contra a desigualdade.
Juan Carlos Francisco Rivera defendeu estas dúas medidas dentro dun conxunto de propostas para que as políticas da Xunta se orienten a acadar unha maior cohesión económica, social e territorial como base para a corrección das crecentes desigualdades existentes en Galicia.
Para evidenciar esta situación, o deputado socialista puxo o acento no aumento dos índices de exclusión social na nosa comunidade, que presentan datos cada ano máis alarmantes. Así, segundo o último informe da Rede Galega Contra a Pobreza, a día de hoxe hai 694.000 galegos en risco de pobreza: son 38.000 máis que no ano 19 e 2,7 puntos máis que no ano 18. A maiores, enfatizou, Juan Carlos Francisco, existen 254.000 persoas en situación de pobreza severa, é dicir, que gañan menos 535 euros ao mes.
Ademais do empeoramento das rendas dos galegos e galegas, o parlamentario do PSdeG tamén alertou na fenda do sistema educativo, no que “o despido de 800 docentes ao inicio deste curso non axuda precisamente a incidir na igualdade de oportunidades”.
Por outra banda, advertiu dunha política fiscal que “beneficia ás rendas máis altas en lugar de afondar na progresividade e na equidade”, da feminización da pobreza, da brecha salarial entre homes e mulleres ou das dificultades de acceso á vivenda para 320 mil mozos e mozas de Galicia.
A isto súmase unha poboación envellecida, “na que o 52,8 por cento dos pensionistas están por debaixo do limiar da pobreza e o 22,1 por cento por debaixo do da pobreza severa”. Finalmente, chamou a atención tamén sobre a desigualdade en función do territorio no que se vive, “xa que as persoas que residen en concellos de menos de 5.000 habitantes ingresan de media 7.000 euros menos que os que o fan nunha vila grande ou nunha cidade”.
A Xunta debe “reaccionar”
Fronte a este escenario, Juan Carlos Francisco chamou á Xunta de Galicia “a reaccionar”. Con ese obxectivo a proposta do PSdeG recollía unha batería de medidas destinadas a loitar contra a pobreza e a desigualdade.
Polo miúdo, a proposta solicitaba incrementar as transferencias a familias en risco de exclusión social mediante o establecemento dun plan extraordinario de loita contra a desigualdade económica cun importe mínimo de 8 millóns de euros.
Tamén reclamaba un plan galego de loita contra a pobreza que dese conta dos novos perfís de persoas usuarias de Servizos Sociais e que se dotase con medidas e partidas económicas transversais que implicase todas as consellerías. En paralelo, solicitaba modificar a Risga para compatibilizar a súa percepción co Ingreso Mínimo Vital.
No eido fiscal, a proposta socialista pasaba por incrementar a tributación para as rendas máis altas, na procura dunha maior equidade e progresividade, como mecanismo axeitado para acadar a redistribución de rendas.
Fortalecer o sistema educativo e un plan de vivenda digna
Asemade, demandábase fortalecer o sistema educativo galego como instrumento fundamental para garantir a igualdade de oportunidades, recuperando a contratación de 800 docentes adicionais eliminados no Proxecto de orzamentos previstos para o ano 2022.
Canto á vivenda, Juan Carlos Francisco reclamaba un plan de vivenda digna, adecuada e accesible. Nesta liña, avogaba por unha estratexia orzamentaria que permitise multiplicar por tres o parque de público de vivenda para aluguer social en Galicia. Tamén se solicitaba un incremento considerable nas partidas de I+D+i nos dous próximos orzamentos, ate acadar unha porcentaxe do 1,50% do PIB, ou impulsar dende o Instituto Galego de Consumo e da Competencia unha estratexia de galega de Alfabetización Dixital dirixido especialmente a colectivos en risco de exclusión social.
Por último, a proposta socialista reclamáballe á Xunta impulsar programas de autoemprego por medio de actuacións de orientación, análise de viabilidade e dos novos incentivos e incrementar os niveis de execución orzamentaria das políticas activas de emprego.