Ourense/PSdeG | O PSdeG-PSOE vén de interpor un recurso contencioso administrativo contra a aprobación definitiva do expediente de modificación de crédito por importe de máis de 62 millóns de euros feito “a dedo e de xeito unilateral” por Gonzalo Pérez Jácome, ao entender que se trata dunha manobra “ilegal” que furta ao pleno e á cidadanía a capacidade de formular alegacións e conleva un prexuízo irreparable para o Concello.
Os socialistas aseguran que a vía xudicial é “a única solución para protexer a facenda do Concello” e evitar o “despilfarro do erario público” por parte dun alcalde “desquiciado”.
“Este recurso pon fin a unha serie de acontecementos que teñen como inicio a vontade dun alcalde que leva a cabo un proxecto individual sen contar con ningún grupo político e que ademais se somete a unha cuestión de confianza na que só recibe o apoio do grupo de Ciudadanos, e trala cal non se produce unha moción de censura porque o PP está a bloquear o goberno lexítimo que merece esta cidade”, relatou o voceiro socialista, Rafa Villarino.
Ademais, o socialista lembrou que “o PSdeG-PSOE de Ourense foi o único partido da oposición que formulou unha batería de emendas á macromodificación de crédito de xeito explícito”, a respecto do cal censurou que “estas emendas tiñan que ter sido admitidas e non o foron”.
“Os socialistas entenden que a ‘macromoficiación’ do alcalde é un ‘orzamento en B”
Os socialistas entenden que a “macromoficiación” do alcalde é un “orzamento en B” e, no seu momento, pediron que se garantise un marco de actuación global centrado no ámbito social, no canto de “fulminar” o 75 % do remanente de tesoureiría do Concello “nun plan de obras encuberto” que non presenta unha memoria de necesidade suficiente para amparar a magnitude dos créditos extraordinarios propostos nin a necesidade dos mesmos.
“Nun orzamento ordinario de arredor de 105 millóns, que é do que dispón o Concello de Ourense, destínanse habitualmente catro millóns e medio para inversións. Aquí estamos a falar de máis de 62 millóns de euros para facer o que lle praza a un señor que nin sequera conta cos demais grupos políticos nin coa cidadanía”, criticou Villarino.
Así as cousas, o voceiro socialista salientou que “era hora de facer algo realmente efectivo contra a inacción do PP e para deter un alcalde cuxas ideacións só poden levar a cidade á maior das catástrofes”.
Iniciativas no Parlamento de Galicia
Pola súa banda, o secretario de organización do PSdeG-PSOE e deputado no Parlamento de Galicia, Juan Carlos Francisco, avanzou que informarán ao Consello de Contas do que tachou de “novo abuso” do Concello de Ourense, ao tempo que presentarán iniciativas para instar á Xunta de Galicia a facer exercicio das súas competencias no ámbito da tutela financieira despois de que o Partido Popular rexeitase fiscalizar a Jácome e frear a modificación de crédito no seo do Parlamento galego.
“Estase a conculcar o artigo 23.2 da Constitución española que permite aos cidadáns presentar alegacións ou formulacións fronte a decisións administrativas de gran calado, como é unha modificación orzamentaria que se aproba definitivamente ligada a unha moción de confianza cando a doutrina do Tribunal Constitucional é contraria a todo isto”, defendeu o socialista, quen alegou que a postura dos populares é “un aval encuberto de Feijóo ás políticas de Jácome en gratitude a Baltar polos seus votos”.
Recurso contencioso-administrativo
No recurso, presentado en nome dos nove concelleiros que integran o grupo municipal socialista, sinalan que “a aprobación definitiva dunha modificación orzamentaria non cabe sen que se acorde unha fase de exposición ao público da mesma, e sen que as alegacións que se puideran presentar en dita fase sexan resoltas polo pleno municipal”.
Entenden, por tanto, que “non se pode prescindir da exposición pública e dar por aprobada a modificación definitivamente”, e que “o prexuízo é irreparable para o Concello de Ourense posto que se o acordo adoptado é ilegal, o diñeiro terá sido aplicado e gastado en conceptos que nunca deberan ser realizados, mentres que a suspensión conlevaría unicamente un aprazamento nos gastos”.
Resposta oficial
“Temos a tranquilidade absoluta de que o recurso non vai prosperar porque os informes xurídicos do Concello son suficientemente sólidos”, sostén o goberno local. Admite, porén, que no terreo xudicial nunca existe unha seguridade do 100%, mais ten claro que “estatisticamente a razón ten que estar de parte de quen ten argumentos xurídicos máis sólidos. Cremos que o PSOE equivócase”, conclúe.
En calquera caso, o goberno municipal quere poñer en evidencia “a mala fe” do partido socialista, que “intenta seguir unha norma que é: Ourense, canto peor, mellor. Intentan que non se fagan investimentos. Por iso presentan este recurso. Fan o que sexa para que en Ourense non se faga nada. Son proactivos para frear Ourense. Algo nunca visto: dedican enerxías e recursos para frear Ourense. Non aportan nin unha soa idea relevante para a cidade e desenvolven unha táctica obstrucionista nuns niveis nunca vistos”, asegura o goberno municipal.