Ourense/PSdeG | O grupo municipal do PSdeG-PSOE de Ourense vén de acudir, xunto con representantes dos demais grupos políticos da oposición, a unha reunión coa Plataforma en contra do peche da Universidade Popular de Ourense (UPO), na que lle manifestou todo o seu apoio aos representantes do colectivo e a súa disposición para continuar defendendo a permanencia da UPO no seo do Concello, respectando a súa esencia e os seus valores.
“Queremos agradecer o labor impagable que está a realizar esta plataforma a prol da defensa da cultura de Ourense e tamén amosar a nosa indignación a respecto do papel do Partido Popular, que hoxe demostrou que xoga a dúas bandas ao non acudir ao encontro cos representantes da UPO malia estaren convocados a unha xuntanza previa á que supostamente non se presentaron por incompatibilidades nas súas axendas”, sinalou o voceiro socialista, Rafa Villarino, trala reunión mantida no Liceo.
Neste sentido, os socialistas critican que os populares da cidade utilizaran a defensa da UPO de forma “interesada e partidista” antes de volver integrarase no goberno local e agora que teñen responsabilidades políticas, “renegan da súa palabra e priorizan a cuestión económica, que foi a que os levou a reeditar o pacto con Jácome e a causa de que o alcalde poida cometer este tipo de aldraxes”.
“Nós xa dixemos no seu momento que o Partido Popular renunciou ao seu compromiso coa cultura cando volveu pactar con Jácome e volve amosalo agora, pregándose á mercantilización dunha institución senlleira como a UPO co fin de satisfacer intereses políticos e persoais”, condenan os socialistas.
Por outra banda, Villarino censurou o “cambalache” entre Jácome e Baltar, quen segundo os integrantes da plataforma lles propuxo, nunha reunión celebrada o pasado día 2 de agosto, converter a UPO nunha entidade sen ánimo de lucro para logo “financiala e controlala dende a Deputación”, algo ao que se opoñen tanto os defensores da institución como os grupos políticos municipais.
Ademais, advirten que a intención de Jácome é privatizar a institución posto que “xa manifestou que non respecta o acordo plenario e non vai asumir o control da Federación de Universidades Populares”, ao implicar a elaboración dunhas bases legais que lle impedirían adxudicar os cursos “a dedo” para darllos a “empresas amigas” e sacar “rédito persoal”.
Informes e pleno extraordinario
Así as cousas, os socialistas anuncian que solicitarán –en conxunto co grupo do BNG, Ciudadanos e os concelleiros non adscritos que pertencían a Democracia Ourensana–, informes que permitan aclarar se os acordos acadados por maioría no pleno extraordinario monográfico do mes de xullo para a reactivación e mantemento do servizo municipal da UPO son vinculantes.
Ademais, pedirán toda a documentación relativa ao expediente de baixa do Concello na Federación de Universidades Populares, que foi cursada polo concelleiro Armando Ojea no pasado mes de abril “sen existir ningún tipo de diálogo nin consenso cos demais grupos”.
“Nós entendemos que se trata dun tema que é de competencia do pleno polo que pediremos que se aclare este punto e tamén consultaremos a posibilidade de celebrar un segundo pleno extraordinario sobre a Universiade Popular porque entendemos que precisa de todo o noso apoio ante os ataques indiscriminados de Jácome en connivencia co Partido Popular”, conclúen.