Pontevedra/PSdeG | A Comisión Executiva Provincial do PSdeG-PSOE celebrou a súa primeira xuntanza do ano para abordar cuestións orgánicas que, como é habitual dentro do partido na provincia, resolvéronse con consenso de tódalas partes e acordo unánime dos integrantes da Executiva. Deste xeito quedaron aprobadas as novas Comisións Xestoras encargadas de dirixir as agrupacións locais de O Porriño, As Neves e O Rosal.
En O Porriño a Xestora estará presidida por Soledad Girón Girón (membro do Comité Provincial), acompañada dos concelleiros Lourdes Moure Varela e Sergio Casas Quintas, ademais de Miguel Táboas Sequeiros (membro do Comité Nacional) e Diego Julio de Sa García.
En As Neves encabezará Marcelino Couto Martínez, tenente de alcalde, xunto con José Carlos Domínguez Gil e Isabel Prieto Couto.
Finalmente, en O Rosal estará presidida por Miguel Ángel Rodríguez Velasco, acompañado de María Concepción Alonso Rodríguez, José Manuel Gómez Campos, David Gómez Cardoso e Milagros Carmen Amador Dacal.
O acordo foi adoptado nunha Executiva Provincial celebrada novamente de maneira telemática e na que houbo unha amplísima participación, e inclúe tamén a designación de Luis Piña, secretario provincial de Organización, como colaborador e observador nas tres xestoras.
O secretario xeral provincial, David Regades, explicou que as Xestoras de O Porriño, As Neves e O Rosal funcionarán como órgano de transición, encargado de organizar a asemblea de militantes que dea paso ás novas Executivas municipais, un proceso que agora mesmo é imposible de abordar por mor das restricións derivadas da pandemia de COVID19. As asembleas, explicou, celebraranse cando as condicións sanitarias o permitan.
Regades subliñou que o diálogo presidiu o proceso de designación e agradeceu a colaboración de toda a militancia. “O obxectivo ata que tomen posesión as novas Executivas é dinamizar o partido, garantindo a súa relación coa sociedade, e conducir o proceso de elección das novas direccións locais sempre co respecto á cultura de democracia interna que caracteriza ao socialismo”.
Regades fixo fincapé na tradición de diálogo que existe no PSdeG-PSOE provincial “onde as cousas se falan dentro para fortalecernos e centrar as nosas enerxías en presentar proxectos sólidos á sociedade”. Unha traxectoria que recalcou, é valorada pola cidadanía, como demostran as 22 alcaldías socialistas da provincia e o feito de que máis de 600.000 das/os máis de 900.000 pontevedresas/es conten con gobernos dirixidos ou apoiados polo Partido Socialista.