Santiago de Compostela/PSdeG | O presidente do PSdeG e coordinador dos socialistas galegos no Senado, Xoaquín Fernández Leiceaga; o coordinador dos socialistas no Congreso, Guillermo Meijón; e a voceira de Sanidade do PSOE no Congreso, Ana Prieto, fixeron hoxe balance do ano de goberno de Pedro Sánchez en España.
“O noso balance é que cumprimos dende unha perspectiva progresista, demos resposta ás demandas é necesidades que se plantexaban nesta conxuntura, activando as medidas do programa de goberno que se axeitaban á mesma, tanto no eido económico como social”, subliñou Fernández Leiceaga.
Así, o senador socialista destacou medidas como Ingreso Mínimo Vital, os ERTES, as axudas a autónomos, ou as garantías e avais para os prestamos ICO, “fundamentais para afrontar a pandemia”.
“Impulsamos unha axenda galega que atendeu ás prioridades que tiñamos marcadas antes da pandemia”, xa que “hai ano parecía que a recuperación de Meirás sería imposible”.
Nesta liña, Leiceaga puxo en valor as axudas europeas e incidiu en que “se fose por outras formacións políticas que actúan en Galicia, que son alérxicas á idea europea, ou a outros que se apuntan a ‘Canto peor mellor’ e que intentaron impedir que Europa puxese en marcha as políticas de solidariedade necesarias, hoxe estariamos dende logo moito peor”.
O BNG “súmase á confrontación mentireira que practica o PP de Galicia”
“Algúns falan de servilismo cando practican un radicalismo demodé, que só fai o xogo a unha dereita que confunde Madrid con España. Súmanse, desta forma, á confrontación mentireira que practica o PP de Galicia con Feijóo ao fronte, que é galeguista de quita e pon”, sentenciou. Así sinalou que o presidente da Xunta “só e galeguista cando gobernan os outros, e é compracente e mudo cando é o PP quen está a cargo do goberno”.
Nesta liña, Leiceaga criticou o posicionamento do BNG e “a estratexia de seguidismo cego ao PP de sumarse e apoiar a confrontación estéril”. Así, chamounos a “non ser vampirizados pola estratexia dos populares”.
“Somos culpables das rebaixas históricas da AP9 e do impulso ao AVE”
O responsable socialista puxo en valor todas as medidas acadadas durante 2020. Así sinalou que “somos culpables de que a AP9 sexa un eixo de mobilidade en mellores condicións para os condutores recorrentes” e pediu “un pouco de paciencia” porque “a previsión orzamentaria do goberno para poder afrontar este tema é de hai 15 días”.
Nesta liña, sinalou que “hai que negociar coa empresa, non pode ser unha decisión unilateral”, xa que isto levaría á “inestabilidade” e á “incerteza”, e mesmo “sería cuestionada nos tribunais”. Ademais, “pórse prazos moi concluíntes e estreitos é unha mala estratexia de negociación” porque “nos obriga a facer acordos cando non queremos” e “hai que afrontalo con garantías”.
Continuando coas infraestruturas, Leiceaga destacou o “impulso decidido” das obras do AVE, así como o financiamento das estacións intermodais “que mellorarán sustancialmente a conectividade de Galicia”. Así, remarcou que “somos culpables tamén disto; contrastando coa pasividade, caos, inexecución e falla de compromiso da que deu mostra a ministra Ana Pastor, con Feijóo calado e cómplice desta situación”.
Leiceaga tamén puxo en valor medidas como a modernización do ferrocarril Ourense-Lugo, a rexeneración da ría do Burgo, a “solución” da depuradora de Santiago, o “impulso” da conexión ferroviaria Vigo-Porto ou o remate autovía Lugo-Santiago, que se levará a cabo neste 2021.
Por último, o responsable socialista recordou que estas medidas se implementaron cun “goberno de coalición, sen maioría parlamentaria e que funcionou cuns orzamentos prorrogados durante todo este ano, o cal limitaba a súa capacidade de actuación, e porque ademais, a partir de marzo, houbo unha situación de pandemia que o condicionou todo”.
Guillermo Meijón: “os que pretenderon que a pandemia puidera ser un arma para derribar ao goberno, non o conseguiron”
O coordinador dos deputados do PSdeG no Congreso aplaudiu os orzamentos de 2021, “que algunha forza política está empeñada en dicir que castigan a Galicia ou que España nos rouba”.
Así, lembrou que “se falamos dos orzamentos de Montoro en 2018, descontando as partidas para o AVE a inversión naquel ano de bonanza económica para o país foron 475 millóns de euros para Galicia”, pola contra “se miramos os orzamentos de 2021, son 770 millóns de euros nunha época de pandemia e de crise”.
Meijón incidiu no “importante que foi 2020” para a “mellora de vida da cidadanía do noso país”, cando se aprobou a nova lei de educación “que incrementa os niveis de calidade e equidade no sistema educativo” ou coa “suba” do Salario Mínimo Interprofesional ata 950 euros, “que afecta a 2 millóns de persoas en España”.
O socialista subliñou a posta en marcha do Ingreso Mínimo Vital, “que vai afectar a 2,3 millóns de persoas”, así como o “avance” no Pacto de Toledo, “que posibilita un modelo sostible de pensións no noso país”.
“Os que pretenderon que a pandemia puidera ser un arma para derribar un goberno, non o conseguiron”, sentenciou o socialista, quen recordou que a covid “non foi quen de paralizar a acción do goberno nin freou o compromiso programático do Partido Socialista”.
Ana Prieto: “os deputados do PP de Galicia e do BNG votaron non a 1.000 millóns de euros destinados ás vacinas”
A voceira de Sanidade do PSdeG no Congreso dos Deputados falou dun 2020 “marcado pola pandemia” no que o goberno de España achegou un primeiro fondo de 16.000 millóns de euros, “dos que 9.000 foron para Sanidade, para que as comunidades autónomas fixesen fronte á pandemia”.
Prieto puxo en valor a aprobación da “tan necesaria e demandada” Lei da Eutanasia, un “novo dereito para que as persoas poidan decidir sobre o final da súa vida”, cando “están nunha situación de sufrimento”.
Ademais, destacou outras medidas como o “plan de implementación progresiva” da atención de saúde bucodental “para que ninguén, pola súa situación económica, deixe de ter acceso” a este servizo. Ademais, recordou a “eliminación dos copagos” farmacéuticos para os e as pensionistas.
En canto aos Orzamentos Xerais do Estado, Prieto destacou que “multiplicaron por 10” as partidas de Sanidade, e “se sumamos partidas para sanidade contempladas noutras areas, sumaríamos máis de 7.000 millóns de euros”.
Por último, a responsable socialista criticou a postura dos deputados galegos do PP e do deputado do BNG no Congreso que “votaron non a 1.000 millóns de euros destinados a vacinas” contra a covid. Así, lembrou que “desta crise só podemos saír da man da ciencia” e, por iso “as vacinas hai que mercalas”.