A Guarda/PSdeG-PSOE | Antonio Lomba, candidato socialista á reelección como alcalde da Guarda, considera “unha prioridade para o próximo mandato xestionar a construción dun centro de día nunha parcela de titularidade municipal”.
“Se A Guarda quere fixar poboación, temos que ofrecer uns bos servizos públicos, por iso é tan necesario o centro de día e desde o concello tomaremos todas as medidas necesarias para que sexa unha realidade”, explica.
As competencias para a posta en marcha dun centro de día son da Xunta de Galicia, pero os socialistas “cumpriremos co que está da nosa man, que é poñer unha parcela municipal á súa disposición e impulsar o centro”.
Antonio Lomba quere poñer en valor ademais as medidas que se puxeron en marcha nos últimos catro anos para as persoas maiores. “Pechamos o mandato municipal cun Servizo de Axuda no Fogar (SAF) que presta máis de 26.500 horas anuais de atención aos nosos veciños e veciñas”, afirma o candidato socialista, que garante que “incrementaremos un 40% a partida municipal para este contrato”.
“Tamén estamos satisfeitos e potenciaremos o programa ‘Cultiva a túa mente’ para fomentar o envellecemento activo e previr as demencias”, engade.
“O centro de día para A Guarda é estratéxico, un servizo que necesitan as persoas maiores do noso concello e para o que traballaremos sen descanso se obtemos este domingo a confianza dos veciños e veciñas”, remata Antonio Lomba.