Pontevedra/PSdeG-PSOE | O Grupo Provincial do PSdeG-PSOE abandonou hoxe o Pleno da Deputación de Pontevedra en sinal de repulsa pola moción do Partido Popular para a reprobación de Pedro Sánchez, “nunha nova acción enmarcada na cacería da dereita e da ultradereita contra o presidente do Goberno de España que está a poñer en xaque a nosa democracia”.
A portavoz socialista, Ana Laura Iglesias, xunto aos oito integrantes do Grupo Provincial, mostrou a súa indignación ante a actitude do goberno do PP de Luís López que “lonxe de contribuír á estabilidade dunha institución como é a Deputación, segue a bailar ao ritmo que marcan Feijoo e Génova traendo a este pleno o ruído e a vergoña que como oposición o Partido Popular está a xogar en Madrid e que tanto dano está a facer ao noso Estado de Dereito”.
Iglesias cualificou de inaudito que se utilicen institucións como a Deputación de Pontevedra “para facer dano gratuíto, cando non ten nada que ver coa política provincial, e denunciou que “no goberno de Luís López só hai peóns no xogo irresponsable dun Feijoo para quen todo vale e obsesionado con destruír coas armas que sexan ao Presidente do Goberno de España”.
A portavoz expresou “o apoio total e sen fisuras” a Pedro Sánchez nun momento no que, amais, se está a demostrar a enorme necesidade que este país ten da súa presidencia para frear esta onda reaccionaria e retrógrada de involución, mentiras, bulos, fake news e descrédito na que están sumindo ao Estado”.