Santiago de Compostela/PSdeG-PSOE | A parlamentaria socialista Leticia Gallego acusou hoxe á Consellería de Educación de ofrecer “escusa tras escusa” para adiar de novo as obras do IES Alonso Riós de Tomiño, desta volta ata finais de 2023 ou 2024. Así o confirmou logo da resposta do secretario xeral da Consellería a unha pregunta que presentou na Comisión de Educación, na que se negou a confirmar a data logo de poñer en dúbida que haxa orzamento dispoñible.
A responsable socialista esixiulle ao alto cargo que confirmara a existencia de orzamento para esta obra urxente, comprometida dende o ano 2021 e que tiña que estar rematada a día de hoxe pero da que “aínda non moveron unha pedra”. Advertiu que “estamos no mes de marzo e nada se sabe do comezo das obras”, inicialmente previstas para 2022, e que a comunidade educativa e a veciñanza de Tomiño leva máis dun ano agardando.
Na actualidade, o IES dispón dun único edificio que aglutina as aulas de Secundaria, Bacharelato, ciclos formativos e FP, a simple vista insuficiente para acoller á cantidade de alumnos que atende, e que este mesmo ano se incrementaron en 50 máis. O proxecto iniciado en 2021 contemplaba a construción dun edificio anexo de 1.300 metros cadrados, con espazo para dez novas aulas, e un orzamento previsto inicialmente de 1,8 millóns de euros.
Sen embargo, malia que “este é o proxecto anunciado”, a realidade que ven os veciños e veciñas de Tomiño é que “pasa o tempo e aí non hai nada de nada”, cun goberno galego impasible diante do “grave problema de espazos” no instituto. Censurou que fagan “moito anuncio visitando o IES de Tomiño, pero alí non empezou ningunha obra, que era para comezos deste ano”, e esixiu “menos anuncios e máis obras”.