Santiago de Compostela/PSdeG-PSOE | O PP rexeitou hoxe dar cumprimento á lei de memoria histórica e a un acordo parlamentario para acabar coa simboloxía fascista en edificios públicos. Fíxoo, hoxe, tras votar en contra dunha proposición non de lei defendida polo PSdeG na que urxía a esta cuestión.
“Resulta difícil entender como dende a oposición temos que traer ao Parlamento iniciativas coma esta na que solicitamos á Xunta que cumpra a lei”, sinalou a socialista, quen cualificou a circunstancia de “máis sanguenta aínda” ao falar tamén do incumprimento do mandato parlamentario, xa que os tres grupos aprobaron por unanimidade, en marzo de 2008, unha iniciativa neste sentido.
“Estes símbolos representan toda a violencia do franquismo, moita da que aínda hoxe permanece nas fosas comúns, e a súa permanencia escenifica unha falla de verdadeira vontade política de facer hixiene democrática e de rexeitar contundentemente dende as institucións calquera enaltecemento da ditadura que causou tanto dano a nosa sociedade”, reivindicou a socialista
Por este motivo, incidiu, “non podemos permitir a súa permanencia e cómpre facer de maneira urxente ese catálogo e proceder a súa retirada”, polo que a Xunta, considerou, debe elaborar un informe técnico para relacionar toda a simboloxía fascista aínda presente no noso territorio, eliminar de todos os edificios públicos dependentes da súa administración toda simboloxía deste tipo e colaborar cos concellos na eliminación da simboloxía tamén nos seus inmobles.
“Non chega só co discurso”
Neste marco, a socialista subliñou que “non chega só co discurso”, senón que “hai que tomar medidas porque a recuperación da nosa memoria democrática non se acada se non hai vontade política” dende as institucións. Por iso, urxiu a tomar exemplo doutros territorios como Euskadi ou Comunidade Valenciana onde se aprobou un catálogo de simboloxía e monumentos públicos que supoñían unha exaltación da Guerra Civil e da ditadura.
“Ninguén pretende, –os socialistas, desde logo, non– iniciar unha vingativa persecución contra os verdugos franquistas; senón rehabilitar a memoria dos represaliados e satisfacer o dereito que teñen os seus familiares e todos os cidadáns demócratas ao recoñecemento e á reparación”, sentenciou, polo que “esta actuación é necesaria para devolver os nomes populares a moitas prazas e para dotar de nomes dignos, igualitarios e democráticos o que segue a ser unha ignominia evidente e ilegal”.