Cangas | O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, respaldou este sábado a Iria Malvido como a candidata “formada e capaz” que está decidida a darlle a Cangas a estabilidade política que merece. Pola súa banda, a candidata canguesa centrou o seu discurso nas demandas do ámbito sanitario, asegurando que “queremos unha sanidade pública de calidade e non nos imos a amilanar”.
Formoso acudiu a apoiar a Iria Malvido na presentación da súa candidatura á alcaldía de Cangas polo PSdeG, e estivo acompañado do secretario provincial de Pontevedra, David Regades, e a concelleira viguesa e exministra Elena Espinosa.
O tamén alcalde das Pontes reivindicou a importancia do vindeiro 28 de maio “non só votamos polos futuro urbanismo de Cangas, polas súas infraestruturas, senón que tamén votamos que se cree un dique de contención contra esas forzas políticas que impiden o progreso”, alegou.
Formoso chamou a vencer a un PP “que é capaz de propoñer para o noso país o modelo de pensións que incendia as rúas de Francia”, ante o que reclama “loitar contra ese modelo que quer Feijoo, que xa aplicou Rajoy e que tamén quer Rueda”.
“Como se lle poden dar as costas ao principio de solidariedade que está tan enraizado na sociedade galega?”, inquiriu Formoso na súa crítica contra a intención da Xunta de recorrer ante o Tribunal Constitucional o imposto ás grandes fortunas.
Antes de dar paso á candidata, pediu seus militantes e simpatizantes presentes o seu traballo neste período electoral que está por chegar, dado que ve especialmente importante que o PSOE acade un gran resultado que o manteña como “a maior forza política da historia deste país, a columna vertebral que conecta a sociedade”.
Pola súa banda, Iria Malvido ofreceu “traballo duro, presión ante a inxustiza e e resultados”. Quer ademais “derribar os muros do concello para poñelo ao servizo dos veciños e veciñas” co fin de mellorar a vida das persoas.
A moza candidata do PSdeG á alcaldía de Cangas puxo como exemplo destas necesarias melloras a demanda, trasladada polo persoal de enfermaría, de establecer unha liña de transporte publico entre a vila e o Hospital Álvaro Cunqueiro. A pesar de que o Concello “ninguneou” esta reclamación, Malvido resalta que o PSdeG levouna ao Parlamento para que se escoitara e arrancou á Xunta que se poña un bus dos tres que demandan. “Queremos en Cangas unha sanidade pública de calidade e non nos imos a amilanar”, ese é o principal reclamo da socialista que vai loitar por acadar a alcaldía da localidade do Morrazo a partir do vindeiro 28 de maio.