Santiago de Compostela/PSdeG-PSOE | A deputada socialista Leticia Gallego criticou hoxe, nunha pregunta oral á presidenta de Portos de Galicia na Comisión de Pesca do Parlamento, a negativa da Xunta a ampliar en 2023 o pantalán flotante do peirao de San Adrián de Cobres.
A socialista censurou a política da Xunta que, malia recoñecer publicamente a necesidade desta ampliación, se ampara de xeito “recorrente” en estudos que na realidade non se materializan. “Queremos feitos”, incidiu Gallego, xa que “moitas veciñas e veciños de Vilaboa viven do sector marisqueiro”.
“Para estar traballando intensamente”, replicou a socialista, “non ten explicación” que o ano pasado en execución orzamentaria durante primeiro trimestre de 2021 a partida de construción, conservación e explotación portuaria “evidencie un gasto de cero euros sobre o presupostado, máis de 10 millóns de euros”, o que amosa un “desleixo” que “resulta de difícil explicación para unha administración que debe xestionar o mantemento e conservación dos portos”.
Neste contexto, lembrou o “problema de seguridade” na infraestrutura actual para os mariñeiros á hora de embarcar e desembarcar, xa que os barcos de bateas “atópanse abarloados entre si”, o que implica “un risco para as embarcacións, inseguridade para as persoas e dificultades de operativa no atraque e desatraque”.
Ante esta problemática, as organizacións de produtores de mexillón e o Concello de Vilaboa, incidiu, “dirixíronse a Portos de Galicia noutras ocasións, solicitando que se actúe sobre este peirao, sen atopar ata día de hoxe resposta en positivo sobre esta cuestión”.
Ademais, engadiu, o Grupo Parlamentario Socialista presentou unha emenda aos orzamentos autonómicos de 2022 para poder levar a cabo esta demanda, pero esta foi rexeitada polo Executivo galego.