A Guarda/PSdeG-PSOE | A Guarda é un concello referente en materia deportiva no eido das infraestruturas, no apoio aos clubs, entidades e deportistas, na celebración de eventos e por contar cun importante e variado movemento asociacionista que, da man do actual grupo de goberno socialista, dinamiza a vila.
Para continuar con este importante labor, Antonio Lomba, candidato do PSdeG á reelección como alcalde nas municipais do 28 de maio, propón novas medidas no seu programa encamiñadas a mellorar as diferentes instalacións municipais, así como a construción dunha pista de Pump Truck na zona do porto.
Unha das principais actuacións que prevén acometer os socialistas no próximo mandato é a renovación integral da Piscina Municipal, para a que xa presentaron un proxecto de reforma e rehabilitación enerxética aos fondos Next Generation da Unión Europea. O orzamento desta importante obra, que prevé un aforro de máis do 78% da enerxía que se consume, ascendía a 2,3 millóns de euros.
Na partida contémplanse, entre outras cousas, unha nova iluminación LED, a ampliación do ximnasio e o spa, abrir un novo vaso para os nenos e nenas, unha sala de usos múltiples, xunto á mellora dos equipos e da estética do edificio e o seu entorno.
“Trátase dun proxecto ambicioso que permitirá a modernización e a renovación integral da piscina, facéndoa máis eficiente e accesible. Supón unha obra moi necesaria porque é unha instalación clave para a nosa veciñanza á hora de practicar deporte, pero tamén un recurso importante de cara ao mantemento e a mellora da saúde”, subliña Antonio Lomba.
Os socialistas tamén reformarán as actuais instalacións do campo de fútbol, coa creación dun novo espazo para vestiarios, ximnasio e zona de actividades e reunións, continuarán mellorando o parque deportivo do Codesal, e acondicionarán a pista de baloncesto no Centro Cultural.