A Guarda/PSdeG-PSOE | Antonio Lomba, candidato socialista á reelección como alcalde da Guarda nas municipais do 28 de maio, garante que no próximo mandato “xestinaremos a senda arredor do Trega para mellorar o tráfico peonil na PO-352 de Camposancos, esta actuación é estratéxica para nós”.
“Esta senda é prioritaria para dar seguridade ás persoas que transitan a pé ou en bicicleta cara a zona de Camposancos e nós xa presentamos un anteproxecto no ano 2020 á Xunta de Galicia, que é a administración que ten as competencias para facer a senda”, explica Antonio Lomba.
“Continuaremos buscando fondos para o seu financiamento e esixíndolle ao goberno galego a súa construción, o proxecto xa está listo, aínda que Roberto Carrero, o candidato do PP, intente agora apropiarse da idea”, engade.
“A PO-352 é unha das principais arterias de comunicación da Guarda e no verán a circulación de vehículos e peóns e moi elevada; o noso proxecto de senda contempla unha actuación na totalidade da estrada, que non conta con beirarrúas”, remata Antonio Lomba.