Ourense | O PSdeG-PSOE denuncia as “manobras escurantistas” de Manuel Baltar para “ocultar” aos grupos da oposición un novo “reparto a dedo” de decenas de millóns da Deputación de Ourense.
O vicevoceiro na institución, Nacho Gómez, considera un “escándalo bochornoso” que o goberno provincial difunda aos medios de comunicación antes que aos deputados e deputadas, os detalles dunha modificación orzamentaria de 14 millóns de euros que debe ser aprobada polo pleno ordinario de abril.
“Esiximos ao bipartito provincial que achegue hoxe mesmo toda a documentación, xa que este reparto multimillonario a dedo será tratado na comisión informativa de contas deste mércores”, polo que “deben cumprir a lei e transmitir a información con todo luxo de detalle á corporación con 48 horas de antelación”, recorda Gómez quen sinala que “facelo pola vía da urxencia só busca obstruir o traballo de fiscalización dos partidos políticos e agochar á cidadanía as súas artimañas antidemocráticas”.
O vicevoceiro destaca a “absoluta falta de vergonza de Baltar” ante un proceder que “xa é o seu modus operandi caciquil”, mediante o que “pretenden “pagar favores políticos aproveitándose dos fondos públicos de todos e todas,” acumulados no remanente de tesourería, que xa acadou unha cifra récord”.
“O que presume de ser o rei da transparencia, oculta ata o último minuto este orzamento en B” o que, segundo o grupo provincial, é unha “proba evidente da trama para repartir cartos entre quen é afín ao goberno”, o que incluso están a criticar alcaldes e alcaldesas do PP que “non bailan ao son da batuta do presidente da Deputación”.
“É indecente e inmoral porque Baltar xoga cos fondos públicos para manterse no poder” denuncia o vicevoceiro. “Desde o PSOE queremos abolir estes criterios decimonónicos e clientelares cos que xestionan a Deputación de Ourense”, recorda Gómez antes de insistir en que os e as socialistas afondarán, unha vez máis, na “imperiosa necesidade” dun reparto “xusto, equitativo e transparente” de todo o orzamento provincial, mediante un plan único similar ao existente na maioría de deputacións.
O grupo provincial do PSdeG-PSOE reclama “ser responsables e non seguir a hipotecar á provincia con decisións caprichosas”, polo que, ante estes feitos, vén de rexistrar unha solicitude de acceso con carácter urxente á documentación que forma parte do expediente de modificación de crédito prevista para este mes.
No documento tamén demandan que “debido a importancia do asunto pola contía económica que supón” con respecto ao orzamento total da institución, “se presente o expediente pola vía ordinaria”, co fin de que todos grupos políticos poidan analizar a documentación, xa que estes “métodos escurantistas” son “impropios” dunha administración realmente transparente e democrática.