Santiago de Compostela/PSdeG-PSOE | O voceiro parlamentario do PSdeG, Luis Álvarez, urxiu hoxe un “cambio de orientación” na Xunta despois de 13 anos de goberno do PP do que Rueda “foi corresponsable”.
Fíxoo no Parlamento de Galicia, trala celebración da Xunta de Portavoces para a acordar a formación do debate da sesión plenaria de investidura que se comezará o vindeiro martes.
O dirixente socialista anunciou un “discurso crítico” coa xestión do PP á fronte do Executivo autonómico, pero tamén “propositivo” no que “desglosaremos unha serie de medidas” e “propostas sólidas e razoables para cambiar as políticas públicas”.
Considerou que o PSdeG “está chamado a liderar unha alternativa certa á gobernabilidade na comunidade autónoma” e, feito, “vai liderar con toda seguridade a Xunta nas próximas eleccións”.
Ao fío disto, Álvarez reiterou o voto en contra do PSdeG á investidura de Rueda despois do anuncio de “políticas de continuidade” do goberno de Feijóo e tendo en conta que, aínda que é un procedemento legal, “non foi o candidato que se presentou ás últimas eleccións á Xunta”.
Censura do “pacto de baronías”
Neste sentido, censurou o “pacto de baronías”, xa que “ten unha lectura clara: o próximo goberno da Xunta non vai dar resposta ás necesidades reais de configuración dun goberno nas que o señor Rueda debería sentirse libre para elixir aos conselleiros e conselleiras que considere pertinentes, senón que están tentando encaixar un sudoku provincial” para cumprir “cotas de poder que negan, pero existen”.
“Estamos nunha especie de xogo de cartas ou dominó no que vemos ofertas públicas de Rueda e vemos a Diego Calvo que parece facerse querer, pero non a calquera prezo”, o cal “parece un mal exemplo”, xa que “os integrantes do Executivo autonómico deberían ser os mellores e os máis cualificados”. “O espectáculo é pouco edificante”, sentenciou.
Así, malia que Galicia, á vista da axenda do PP, “parece unicamente preocupada polo relevo no goberno galego”, incidiu, “o PSdeG segue a traballar en propostas para o país”, como o pacto polas enerxías renovables, “máis necesario ca nunca”, ou o proxecto de lei do xogo que se presentou onte e “non é un tema menor”.