Santiago de Compostela/PSdeG-PSOE | A viceportavoz do Grupo Parlamentario Socialista, Elena Espinosa, cargou este mediodía contra a presentación realizada polo Partido Popular das súas emendas ao Proxecto de Lei de Medidas Fiscais e Administrativas para 2025. Espinosa denunciou que o mecanismo empregado polo PP, utilizando a lei de acompañamento dos Orzamentos para lexislar pola porta de atrás, é unha “estratexia deliberada para bloquear á oposición e impedir calquera intento de emendar estas medidas por parte dos grupos parlamentarios”.
“É inaceptable e vergoñento que o Partido Popular empregue a lei de acompañamento como unha vía de escape para evitar o control democrático. O que vimos hoxe é outro exemplo máis do seu desprezo absoluto polo Parlamento e pola cidadanía galega,” afirmou Espinosa, facendo referencia á rolda de prensa onde o PP, acompañado de dous conselleiros que non son deputados, presentou estas emendas sen pasar pola sede parlamentaria. “O PP está a rirse das institucións, do Parlamento e de todos os galegos e galegas. Fuxen do debate e da transparencia, blindándose para impedir que a oposición poida cumprir co seu deber democrático”, dixo.
Espinosa tachou de “manobra perversa” o uso da lei de acompañamento para introducir emendas sen dar opción a que estas poidan ser enmendadas pola oposición: “Non só evitan que controlemos as súas medidas, senón que este mecanismo lles permite aprobar cambios de gran impacto sen dar explicacións nin someterse ao debate público. Este tipo de prácticas demostran que para o PP, a democracia é só un estorbo.”
Unha estratexia recorrente do PP: blindaxe e opacidade
A viceportavoz destacou que este comportamento non é un feito illado, senón parte dun patrón consolidado na forma de gobernar do Partido Popular: “Vimos o mesmo coa Comisión de Investigación dos contratos a dedo aos seus familiares e amigos e cos escándalos de sobrecustos no Hospital Álvaro Cunqueiro e con tantas outras cuestións nas que o PP fuxe sistematicamente da rendición de contas.”
Segundo Espinosa, o obxectivo destas emendas é claro: “O PP busca blindar o seu poder e tomar decisións que beneficien aos seus sen dar opción a que ninguén cuestione os seus movementos. É unha forma de gobernar autoritaria, que ignora deliberadamente os principios básicos do debate parlamentario e da transparencia”.
Espinosa denunciou que as emendas introducen cambios que afectan directamente á fiscalidade, á vivenda e á enerxía, sen permitir que a oposición presente alternativas ou critique as súas implicacións. “Non é casualidade que escollan esta fórmula para medidas que benefician aos seus círculos próximos ou que poidan xerar polémica. Queren aprobar sen fiscalización, sen discusión e sen ter en conta a opinión da cidadanía”, afirmou.
En particular, sinalou que estas emendas introducen deducións fiscais específicas, a creación de novos impostos e modificacións no marco enerxético que merecerían un debate amplo. “O que debería pasar polo crisol da democracia e do debate parlamentario, o PP quere aprobalo pola porta de atrás, blindándose ante calquera crítica”, criticou.
A deriva autoritaria do PP
Espinosa advertiu que o uso reiterado destas prácticas evidencia unha clara “deriva autoritaria” no xeito de gobernar do Partido Popular: “Cando un partido decide utilizar a súa maioría para ignorar as regras democráticas e acalar á oposición, está a cruzar liñas vermellas que non se poden tolerar. O PP está a converter as institucións democráticas nun mero formalismo para impoñer a súa vontade sen freo ningún”.
A socialista tamén alertou das consecuencias deste modelo: “Esta forma de actuar non só é unha falta de respecto ao Parlamento; é unha falta de respecto á cidadanía galega, que merece un goberno que rinda contas e que actúe con transparencia”.
Por último, Espinosa comprometeuse a combater estas prácticas: “Non imos entrar no xogo do PP. Estaremos en fronte, defendendo os dereitos de todos os galegos e galegas. O noso compromiso é coa transparencia, co control democrático e coa cidadanía, que merece moito máis do que este goberno do PP lles ofrece”. Concluíu afirmando que o Partido Socialista non permitirá que estas prácticas se normalicen: “Non calaremos ante este atropelo democrático. Galicia necesita un goberno que actúe con responsabilidade, non un que utilice as leis para evitar o debate e blindar os seus intereses”.