Santiago de Compostela/PSdeG-PSOE | A Comisión Executiva Nacional Galega do PSdeG, reunida este sábado en Santiago, fixou o 17 de setembro como data da celebración das primarias nas que se escollerá o candidato ou candidata do partido á presidencia da Xunta.
O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, compareceu no transcurso da reunión da dirección do partido, na que analizaron en profundidade os resultados do 23 de xullo en Galicia, ao tempo que marcou os prazos das eleccións primarias do partido. Dixo que era o inicio dun “proceso ilusionante que é o da activación da democracia e da soberanía do voto” que exercerán os arredor de 10.000 militantes socialistas convocados ás urnas.
Formoso puxo en valor que “este é o sistema que a cidadanía valora, non só practicamos e enunciamos a democracia cara fóra, senón que tamén o facemos internamente”. “Nós non eliximos ao noso candidato ou candidata á Xunta conforme a un dedazo ou nunha reunión da executiva”, sinalou, senón que “deixamos que a xente poida decidir”.
Os socialistas galegos afrontan este proceso “con ilusión”, engadiu Formoso, como o primeiro paso para “acadar un cambio en Galicia”, xa que asegurou que así o candidato elixido pola militancia terá tempo suficiente para explicar e desenvolver o seu proxecto cando Rueda decida convocar as eleccións e “ deixe de exercer ese bamboleo na decisión final”, apuntou.
Do mesmo xeito, o dirixente socialista ten claro que o PSdeG ten “un proxecto que pretende confirmar o liderado da esquerda en Galicia segundo os últimos procesos electorais”, sendo o partido que “lidera a esquerda” na comunidade autónoma tanto nas municipais como nas xerais.
“Un proxecto que apela a ese voto útil con respecto absoluto ás aspiracións do resto das formacións políticas”, xa que entende que hoxe en Galicia hai moita xente defraudada coas expectativas postas doutras formacións de esquerdas nas xerais”.
Iso débese, abondou Formoso, a que “ven que a formación dun goberno progresista en España está en perigo por un voto que ao final non tivo a utilidade que pretendían”.
O número un dos socialistas galegos tamén fixo un chamamento a que “aprendamos das leccións” para aspirar a un cambio de goberno na Xunta “que só é posible, matemática, histórica e loxicamente se o PSdeG lidera as forzas de esquerdas en Galicia e a espertar un país que ten dereito a soñar”.