Ourense/PSdeG | O PSdeG-PSOE esixe que o Partido Popular dea explicacións públicas sobre os motivos do retraso na reapertura da oferta pública termal, logo de que a concelleira da área de Termalismo, Flora Moure, declarara que o executivo local pretende solicitar á Xunta de Galicia un permiso para abrir temporalmente os recintos termais.
Todo isto mentres as consellarías resolven os expedientes para a adaptación á nova lei autonómica de aproveitamento lúdico das augas, un cambio lexislativo “perpetrado polo propio Partido Popular de costas á cidade” e que supón “o desmantelamento do termalismo en Ourense”.
“O Partido Popular de Ourense vén de recoñecer que fixo unha chapuza legal ao mudar a normativa autonómica e agora ten que arranxar un problema que eles mesmos ocasionaron” aseguran os socialistas.
“É máis, a propia concelleira di que veñen de pedir á Xunta exencións a cuestións de obrigado cumprimento que, segundo o Concello, non se poden levar a cabo no caso de Ourense. Con que con máis atentados vai o PP destrozar Ourense?”, inquiren os socialistas.
Así as cousas, dende o grupo municipal socialista tachan de “atrevemento” e “ninguneo á veciñanza” que Moure cualifique de “éxito” a posible reapertura dos recintos, e salientan que “o éxito sería non telos pechado, como aconteceu no resto de vilas termais galegas”.
Ao tempo que lamentan que o termalismo permanecese “clausurado e abandonado pola neglixencia do Partido Popular” durante un verán no que Ourense rexistrou o máximo histórico de visitantes e turistas da súa historia.
“Se era posible unha solución temporal para reabrir as termas de xeito inmediato, por qué non se fixo antes? Por qué tardaron catro meses, dende a súa volta ao bigoberno con Jácome, en tomar esta decisión? Parécenos inxustificable que non se executaran medidas antes se cabía esa posibilidade” censuran os socialistas de Ourense.
“Despois de levar a cabo a aprobación dunha norma claramente lesiva para os intereses de Ourense, que fai xaque mate ao turismo termal en pleno Xacobeo e na antesala da chegada do AVE á cidade, o Partido Popular de Ourense recoñece tarde e mal que existe unha solución temporal ao problema que eles mesmos crearon”, conclúen.