Ourense | O PSdeG-PSOE de Ourense apela a unha “fronte común” de todos os actores implicados para sacar adiante o proxecto estratéxico de rehabilitación da praza de abastos número 1 e a súa contorna, ante o grave risco de “abandono e parálise” pola “inacción e torpedeo” sistemático de Jácome.
Os socialistas critican que o alcalde de Ourense considere esta obra como un “marrón”, cando se trata dunha oportunidade para que se poida converter a praza nun elemento do futuro da cidade e sinalan que Gonzalo Pérez Jácome “é o único culpable da situación de desleixo”, co aplauso cómplice do PP.
O remate das obras está previsto para xuño de 2022, tal e como consta na última prórroga solicitada e autorizada polo goberno municipal. Pois ben, tal e como afirman os socialistas “a tres meses dos remate das obras non se xestionaron varios temas de relevancia para o futuro deste edificio histórico”.
O grupo municipal socialista sostén que non se encargou aínda o plan funcional para “a futura distribución comercial do interior do edificio”; non se encargou nin tan sequera o modificado do proxecto necesario para “culminar as obras existentes antes do seu remate”; tampouco existe proxecto, nin contratación da segunda fase do proxecto de remodelación integral do rianxo e a súa contorna, “imprescindible para o conxunto da obra”, e por último, non hai contrato nin licitación da piscina termal nos baixos do edificio, que o propio Jácome “anunciou a bombo e platillo fai ano e medio”.
Lembran que xa advertiron e reiteraron en numerosas ocasións, que todas estas actuacións “son imprescindibles para o desenvolvemento dun proxecto estratéxico e clave para o futuro económico, turístico e comercial da cidade”. Os socialistas tamén apuntan a que o alcalde convocou a comisión de seguimento das obras o 14 de febreiro “onde decidiu de xeito unilateral deixar fóra aos grupos da oposición, que si estiveron presentes nas reunións anteriores”.
A vicevoceira socialista no Concello de Ourense, Natalia González, destaca que o proxecto “é fundamental” para o futuro da cidade, motivo polo que esgrime que “vamos a pórlle deberes ao alcalde”. A edil socialista resalta que se o rexedor non aposta pola praza de abastos “dentro de tres meses vamos a ter un edificio baleiro e que vai ser presa, se as obras non continúan adiante, do abandono, o vandalismo, e o que todos xa sabemos, outra estrutura máis pechada e abandonada.
González Benítez tamén apuntou a que “non podemos permitir máis falta de transparencia e escurantismo por parte de Jácome”, xa que tal e como indicou “todo o que sabemos da obra, sabémolo polos responsables da obra e os técnicos municipais, xa que o alcalde négase a informar”.
A concelleira socialista tamén puxo o foco en que Gonzalo Pérez Jácome “pretende evitar que tódolos grupos municipais vexamos como queda a praza, que a cidadanía o vexa e que todos sexan conscientes da oportunidade que perde Ourense”.