Santiago de Compostela/PSdeG-PSOE | A deputada socialista Noa Díaz pediu hoxe á Xunta, despois de presentar a semana pasada unha batería de iniciativas no Parlamento, que colabore coa Federación de Bandas Populares de Galicia cunha “achega económica suficiente” para permitir que a Banda Sinfónica Galega participe no World Music Contest de Kerkrade.
“É unha oportunidade única para amosar a nivel internacional o enorme talento musical que existe nas bandas populares galegas”, destacou a socialista, unha vez que a Banda Sinfónica Galega recibiu un convite para participar nunha actividade paralela á competición dirixida a músicas e músicos menores de 30 años “en recoñecemento á súa calidade e traxectoria”.
Alí, reivindicou Díaz, recibirán unha semana de formación con directores e compositores de primeira liña internacional, mais a participación supón un custe “que non son quen de soportar”, xa que a viaxe dos arredor de 60 integrantes da banda “supera os 35.000 euros” e “a única fonte de ingresos son as subvencións que reciben en convocatorias públicas de concorrencia competitiva”.
De non ter unha axuda pública que cubra os gastos, alertou, “a súa asistencia pode correr perigo, xa que a maior parte das persoas integrantes da banda son mozas e mozos menores de 22 anos que non poden correr cos gastos de viaxe e estancia durante unha semana en Países Baixos”.
“É oportuno que a Consellería de Cultura colabore coa Banda Sinfónica Galega para que a participación no certame máis importante do mundo sexa unha realidade”, tendo en conta que a tradición popular galega “non se podería entender sen as bandas de música populares, algunhas das cales teñen xa case dous séculos de historia, sendo en moitos casos o maior referente social e cultural das nosas vilas”, dixo Díaz.
Na actualidade, enunciou, “lonxe do que se poida pensar, estas agrupacións populares musicais gozan de moi boa saúde, a pesar dos escasos recursos cos que contan, xa que incluso están aparecendo novas formacións en concellos nos que non existía tal tradición”. Proba desta evolución positiva e da cada vez maior calidade na formación musical que reciben as músicas e músicos das bandas galegas é, concluíu, a súa presenza en “prestixiosos” conservatorios europeos e a consecución de prazas estables en destacadas orquestras sinfónicas de Europa e Estados Unidos.