Bruxelas/PSdeG-PSOE | Esta mañá, a sesión plenaria do Parlamento Europeo acollía un debate sobre as Redes Transeuropeas de Enerxía (TEN-E nas súas siglas en inglés). O obxectivo desta política, que se atopa nun período de revisión, é vincular a infraestrutura enerxética dos países da Unión Europea a través de corredores e áreas temáticas prioritarias.
O eurodeputado socialista Nicolás González Casares reclamou ante a Eurocámara “resolver o pescozo de botella das interconexións coa Península Ibérica e as illas”. “Isto non é un verdadeiro mercado europeo da enerxía”, dixo durante a súa intervención. “Non sacaremos proveito das renovables se non interconectamos e integramos as redes eléctricas”, subliñou. O que supoñería un plus enerxético e industrial para Galicia.
González Casares, que é membro da Comisión de Industria e Enerxía do Parlamento, avogou por “orientar os nosos investimentos a elementos compatibles coa neutralidade climática” e deixar de vivir “dos erros do pasado”, como a aposta polos combustibles que “están a ser unha arma de guerra”.
O eurodeputado apostou por despregar e integrar as tecnoloxías renovables, coas novas disposicións para desenvolver a enerxía en alta mar; establecer un proceso de gobernanza máis inclusivo, aplicar o principio de eficiencia enerxética e fomentar infraestruturas só compatibles con hidróxeno cando transportemos gas.
Para o europarlamentario é fundamental planificar a infraestrutura enerxética se se quere lograr a neutralidade climática. Un plan que debe ir en sintonía cos obxectivos climáticos e enerxéticos e contar cun enfoque integrado e intersectorial.
A ratificación da nova TEN-E é o primeiro grande acordo lexislativo no ámbito enerxético froito do Pacto Verde Europeo, “máis en vigor ca nunca co sucedido en Rusia e os prezos da enerxía”, en palabras de Nicolás González. A TEN-E orientará unha parte esencial dos grandes investimentos enerxéticos para fortalecer o mercado interior e avanzar cara á descarbonización do sector enerxético.
Este debate chega un día despois de que o Panel Intergobernamental de Expertos sobre o Cambio Climático (IPCC) fixera público o estudo do seu Grupo de Traballo III, que avalía o progreso e as promesas de mitigación do cambio climático e examina as fontes de emisións globais.
O informe valora positivamente a reducción de emisións de gases de efecto invernadoiro a partir do 2019 e as medidas que moitos países, como o noso, están a adoptar. Aínda así, urxe a adoptar medidas profundas que limiten o quentamento global a 1,5 °C. Accións que sexan sinónimo dunha redución dos combustibles fósiles e do incremento das renovables de forma sostible e respectuosa. “Os fondos son limitados e deben orientarse a procesos e tecnoloxías que sexan totalmente compatibles coa neutralidade climática”, lembra González Casares.