Ponteareas/PSdeG-PSOE | Delfín Domínguez reuniu un equipo que lle achega solvencia, experiencia e coñecemento, para enfrontar con garantías os distintos retos que Ponteareas ten para os próximos anos.
Acompañando ao candidato socialista como número dous estará Vanesa Fernández, Licenciada en Filoloxía Hispánica, funcionaria da DGT cunha dilatada traxectoria na Administración Pública. Recentemente foi nomeada membro da Xunta Directiva da Asociación de examinadores de Tráfico. “Vanesa é un exemplo de muller empoderada, comprometida na defensa do servizo público e resolutiva nas súas obrigacións
desempeñadas”.
Como número 3 Delfín Domínguez contará con Rubén Pérez, un recoñecido sindicalista que na actualidade é o Sº Xeral da Federación de Industria de UGT na comarca de Vigo, por tanto, ten un amplo coñecemento do mundo laboral. “Rubén é unha persoa cunha dilatada traxectoria na defensa dos intereses e dereitos das persoas traballadoras, na negociación e no mundo asociativo. Ponteareas necesita moito diálogo e ser capaz de realizar proxectos con consenso e para iso ninguén mellor que Rubén”, afirma Delfín Domínguez.
Ponteareas necesita reactivar a economía pondo á disposición de forma urxente chan industrial, que permita a implantación de novas industrias, así como ordenar e dar
seguridade xurídica as empresas existentes.