O Porriño | A dirección xeral do PSdeG/PSOE do Porriño realizou este 10 de novembro unha comparecencia na súa sé ante os medios de comunicación para defender a acta de investidura da súa alcaldesa Eva García de la Torre, asegurando que negociará co seu socio no goberno de coalición, EU-SON pero “sen axenlloarse”.
O Porriño vive momentos políticos tensos e esa sensación percíbese no ar. O terremoto político comezou coa asemblea de EU-SON Porriño realizada o pasado 7 de novembro, que aprobou iniciar conversas coa oposición liderada polo Partido Popular (8 edís) para tentar unha moción de censura contra a alcaldesa.
Por tanto, as miradas están agora postas na consistencia da coalición de goberno conformada polo PSOE (4 edís), BNG (2), EU-SON (2) e o concelleiro de Unión Democrática da Louriña, Manuel Carrera. Cabe destacar que os edís de EU-SON rexeitaron entrar no novo goberno municipal e, ante a recente decisión deste movemento de iniciar conversas co PP, coloca á coalición de goberno nunha situación precaria.
“Estamos animados, aínda que sabemos cando chegamos pero non sabemos cando temos que marchar”, declarou de xeito prudente a alcaldesa Eva García de la Torre ao noso xornal momentos despois da comparecencia ante os medios de comunicación. Esta declaración abría a posibilidade de que, ante a necesidade de buscar unha solución urxente á crise política instalada na Corporación Municipal, a alcaldesa estaba disposta a renunciar. Así, recoñeceu a dificultade do seu momento político: “a confianza deuma o pleno municipal e nestes momentos non a teño”, toda vez asegurou que as relacións entre o PSOE e o BNG “son as mellores”.
“Estamos animados, aínda que sabemos cando chegamos pero non sabemos cando temos que marchar”
Sobre a posición do edil Manuel Carrera, a alcaldesa deixou claro que “Manuel Carrera apoiou a miña investidura”, unha especie de voto de confianza que lle permitiría manter tentativamente intactos os seus apoios dentro da coalición municipal.
Pola súa banda, Soledad Girón, membro da xunta directiva do PSdeG/PSOE O Porriño, aclarou a vontade da súa formación de negociar, abrindo así unha xanela orientada a manter a consistencia do goberno de coalición. Pero a tensión política non deixa de ser un elemento de presión. Considerou que “hai que respectar a autonomía das partes, sen imposicións. Non hai nada previsto. Estes días serán movidos”.
Noutra orde de ideas, a alcaldesa referiuse á recente vitoria de Valentín González Formoso como novo secretario xeral do PSdeG/PSOE: “é o noso secretario xeral en Galicia. Gañou a lista máis votada”.