Vigo | O PSdeG-PSOE da provincia de Pontevedra pechou hoxe os detalles da coordinación de cara a precampaña das próximas Eleccións Municipais de 2023 cunha xuntanza entre a Executiva Provincial, encabezada por David Regades, e os/as cinco deputados/as socialistas da provincia.
Asistiron ao acto, celebrado en Vigo, Leticia Gallego, Julio Torrado, Paloma Castro e Noelia Lago, toda vez que Gonzalo Caballero continúa convalecente das molestias producidas por un accidente. Na xuntanza perfiláronse os detalles para engarzar ás/aos cinco parlamentarios co traballo sobre o terreo nas distintas comarcas, a coordinación por áreas e, sobre todo, o enlace tanto coas agrupacións locais como cos Gobernos locais nos 24 concellos onde hai alcalde/sa ou tenente de alcalde/sa socialista.
O PSOE, como recordou Regades, goberna dende a Administración local a case 600.000 dos preto de 950.000 habitantes da provincia. No acto participaron tamén Manel Vázquez, secretario provincial de Acción Electoral; Xosé Cacabelos, secretario de Política Municipal e Ángel Rivas, secretario de organización vigués.
David Regades amosouse optimista de cara aos próximos comicios locais e convencido de que o PSdeG-PSOE renovará o seu liderado na provincia. Así todo indica que en Vigo volverá haber “uns resultados espectaculares”, ao igual que en Vilagarcía. Ademais hai indicios claros de avance na cidade de Pontevedra e de que as candidaturas socialistas poden acadar algunha alcaldía máis en comarcas clave.
Con esta base, asegurou Regades, todo indica que a maioría na Deputación quedará consolidada de cara a un terceiro mandato. Deste xeito poderase continuar impulsando o avance de toda a provincia. “A xente percibe moi claramente o traballo que o PSOE realiza dende os concellos e dende a Deputación e iso valórase”, apuntou David Regades.
O secretario provincial recalcou que a provincia de Pontevedra “ten unha gran fortaleza socialista” e constitúe un freo para o Partido Popular, un dato especialmente molesto para o actual presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, “que está frustrado e mesmo resignado xa a perder elección tras elección na súa provincia, simplemente porque é incapaz de ofrecer un proxecto alternativo”.
Ademais, abordáronse cuestións de actualidade municipal como os recortes sociais da Xunta de Galicia, que están castigando especialmente a servizos tan fundamentais como o Servizo de Axuda no Fogar (SAF) ou as escolas infantís da rede Galiña Azul.
Ámbolos dous completamente infrafinanciados pola Xunta e, no segundo caso, cun serio problema de falta de prazas en toda a provincia, onde uns 1.300 nenos e nenas quedaron sen praza. A estes problemas engadiron o caciquismo da Xunta á hora de realizar obras ou construír equipamentos tan básicos como os centros de saúde e colexios de Educación Infantil e Primaria.