A Coruña/PSdeG-PSOE | O candidato socialista á Xunta de Galicia, José Ramón Gómez Besteiro, impulsará “un Consorcio de Transportes que cubra as necesidades da Área Metropolitana da Coruña, con máis de 400.000 habitantes, e na que moitas persoas viaxan entre A Coruña e os seus concellos de residencia.
Este Consorcio debe actuar como autoridade única para coordinar o transporte por estrada e ofrecer servizos de calidade, eficientes e xestionados de modo transparente”, explicou.
Besteiro creará o Consorcio de Transportes cando sexa presidente da Xunta para implantar un servizo de buses lanzadeira nas horas punta, cun plan de mobilidade integral entre a área metropolitana e o centro da cidade, e viceversa. “Só ao polígono de Sabón, en Arteixo, se desprazan diariamente 7.500 persoas”, puxo como exemplo. O plan de mobilidade debe adaptarse ás necesidades reais: “Ten que modificar os horarios de inicio e remate, fundamentalmente os que se dirixen aos centros de gran concentración de emprego, como polígonos industriais. Pero sen esquecer outras necesidades como hospitais, xulgados, facultades, etc. e a conectividade das zonas rurais coa cidade”.
Con Rueda, peor
Besteiro, xunto á alcaldesa da Coruña, Inés Rey, e outros alcaldes e voceiros da comarca máis usuarios afectados, denunciou hoxe na cidade herculina que nos últimos 14 anos de Rueda na Xunta “o transporte público, lonxe de mellorar, empeorou as súas condicións e a mobilidade da cidadanía galega por falta de planificación das rutas, frecuencias, etc. Un problema que impide a conciliación, obriga ao uso do coche privado, lastra o crecemento económico e agrava a crise climática”.
O candidato socialista denunciou que Rueda “incumpre as sentenzas xudiciais sobre o transporte metropolitano en Galicia e actúa de xeito irresponsable. Lembrou as denuncias do Consello de Contas, “que o responsabiliza dunha total falla de planificación, inspección e control nos contratos asinados, de non penalizar as infraccións rexistradas e de non atender as múltiples queixas dos usuarios e usuarias”.
Besteiro, que se referiu tamén aos graves problemas doutras liñas na provincia como A Coruña-Ferrol-Pontedeume-Betanzos ou a da Costa da Morte, manifestou que “é un sensentido que non haxa un servizo común de transporte que facilite a mobilidade entre A Coruña e os municipios da súa área metropolitana como por exemplo Culleredo, Oleiros, Cambre ou Sada”.
Do mesmo xeito, cre importante a execución da Estación Intermodal de San Cristóbal “como punto de interconexión de todo o transporte da área metropolitana que facilitará a mobilidade entre os buses urbanos e interurbanos e a implantación da tarifa única”.
Besteiro resumiu que, “O problema do transporte público é estrutural e responsabilidade de Rueda. Galicia non pode ter un transporte metropolitano coa Rueda pinchada”.
Pola súa banda, a alcaldesa da Coruña, Inés Rey, sinalou que “as ocorrencias que non falten. Desde utilizar os autobuses como plató electoral para os vídeos do señor Rueda, que é a única vez que se acordan dos autobuses, ata investir oito millóns de euros nunha pasarela marabillosa da que nunca máis se soubo”.
Xunto a Besteiro e Rey, unha afectada polas deficiencias do servizo tamén ofreceu a súa experiencia aos medios, xa que foi unha das viaxeiras que non puido pasar o Nadal na súa casa pola suspensión da liña en Ferrol.