Vigo/PSdeG-PSOE | O PSdeG-PSOE demostrou hoxe, con xurisprudencia na man, que o candidato do Partido Popular á Alcaldía de Baiona, Jesús Vázquez Almuíña, en contra do afirmado polo presidente da Xunta, Alfonso Rueda, debe presentar a súa dimisión como presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, por obriga legal, para poder concorrer ás próximas Eleccións Municipais.
O secretario xeral da agrupación socialista de Vigo, Carlos Font, acompañado do secretario de Organización de Baiona, Fernando López, afirmou hoxe que Almuíña aínda permanece no cargo para continuar “dopado económica e mediaticamente”. Font, que comezou expresando o absoluto respecto do Partido Socialista polas decisións que adopten tódolos partidos en relación á configuración das listas nas próximas Municipais, subliñou que estas decisións tamén cumprir coa legalidade.
Engadiu que Vázquez Almuíña, está directamente afectado polo artigo 6.3 b) da Lei Orgánica de Réxime Electoral Xeral polo que se regulan as causas de “inelexibilidade”. A este respecto explicou que unha resolución do ano 2015 da Xunta Electoral Central resolveu que o presidente da Autoridade Portuaria de Melilla debía presentar a súa dimisión para concorrer ás últimas Municipais de 2019 ao entender que as Autoridades Portuarias encaixan entre as “entidades autónomas de competencia territorial limitada” e a lexislación electoral deixa claro que non é posible estar á fronte deste tipo de organismos mentres se fai campaña electoral.
A día de hoxe Jesús Vázquez Almuíña é inelexible a tódolos efectos e, en todo caso, debe presentar a súa dimisión á fronte da Autoridade Portuaria. En todo caso, Carlos Font destacou que xa tiña que ter presentado a súa renuncia o pasado 12 de xaneiro, cando anunciou que daba o paso. Carlos Font afirmou que Vázquez Almuíña “leva tres meses dopado cun salario público mentres se dedica a cuestións alleas á xestión portuaria” e, ademais, acusouno de aproveitarse do porto de Vigo como “plataforma mediática” para facer campaña electoral.
Con todo, engadiu, non consegue disimular que é un candidato “obrigado” e “sen entusiasmo”. O secretario xeral do PSdeG-PSOE vigués considera “moi grave e, ademais, eticamente reprobable” que Alfonso Rueda, na súa calidade de presidente do Partido Popular de Galicia, teña afirmado que Almuíña continuará á fronte do porto ata as Eleccións e que logo concretará “un cambio de destino”.
Preguntouse, á luz destas declaracións, se o presidente da Xunta de Galicia é consciente das súas afirmacións. “Se descoñece a lei, mal; e se a coñece, aínda peor porque significa que existe ánimo de vulnerala ou de enganar ao electorado de Baiona”. Finalmente, Font esixiu á Xunta de Galicia que nomee de inmediato ao novo presidente ou presidenta da Autoridade Portuaria de Vigo “porque está máis que claro que Almuiña non pode seguir ata o próximo mes de maio”.