Ourense | A voceira do grupo municipal do PSdeG no Concello de Ourense e secretaria xeral do partido na cidade, Natalia González, e a deputada no Congreso Marga Martín mantiveron un encontro con representantes dalgunhas asociacións de veciños para abordar asuntos clave no desenvolvemento dos barrios que, segundo coincidiron en expoñer todos e todas as asistentes á reunión, se atopan no seu maior momento de decadencia polo abandono do goberno de Gonzalo Pérez Jácome.
Unha das problemáticas a tratar foi o paso a nivel de Peliquín para o que o Concello de Ourense non formulou ningún tipo de alegación, na fase correspondente, tal e como reflicte a carta que ADIF enviou ao presidente da asociación de veciños e como o propio grupo municipal socialista denunciou no seu día. “Agora é preciso agardar a que Jácome reciba un estudo topográfico, que encargou trala presión doutras formacións políticas e veciñanza, sobre a viabilidade do soterramento. Reiteramos o noso apoio e axuda ás persoas afectadas e a necesidade dun contacto permanente entre o partido e os colectivos para exercer de correa de transmisión ante todas as administracións”, expuxo González.
No que respecta ás actuacións levadas a cabo pola Subdelegación do Goberno e as forzas e corpos de seguridade para resolver a problemática das naves ocupadas de Río Arnoia, as socialistas valoraron positivamente o traballo realizado. Lembraron que ditas actuacións se realizaron coa máxima discreción e responsabilidade e que comezaron “hai moito tempo”, non cando o PP o denunciou para atribuirse un mérito que non lle corresponde. “Quedan outros casos similares por resolver que, de seguro, seguirán o mesmo camiño. Pero é importante destacar que o PP intenta colgarse unha medalla que non lle pertence e que a veciñanza é consciente delo”, incidiron.
Acceso ás Termas
O acceso ás Termas, cortado dende semanas atrás ante a necesidade de executar as obras da Variante Norte nesa zona, foi outro dos problemas para os que o executivo municipal non ofreceu alternativas, “pese a que foron avisados hai meses dos cortes” que se producirían.
“Volveremos a insistir na procura de solucións temporais para mellorar a accesibilidade durante a obra, que se recupere o tren das termas e novos emprazamentos de aparcadoiro para vehículos e autocaravanas noutras contornas”, afirmaron as socialistas logo de coincidir cos asistentes en que o pasotismo do alcalde e o seu equipo de goberno forma parte do plan de illamento e desmantelamento termal de Jácome.
Centro de saude para o 21
Dúas demandas históricas que as e os socialistas levan anos reclamando e que volveron a poñerse sobre a mesa na reunión coas asociacións asistentes foron a necesidade de, por unha banda, dotar ao barrio do 21 dun centro de saúde e, por outra, dun novo centro cívico. “No caso do centro de saúde, que non só beneficiaría á veciñanza desta zona, senón que tamén desconxestionaría o do barrio da Ponte, pedimos, a través dunha emenda aos orzamentos da Xunta para 2025, que se atenda ás demandas dos e das ourensás dende o goberno autonómico, pero cremos que será desbotada polo PP ao non amosar ningún interese por sacar este proxecto adiante”, lamentaron as socialistas.
En canto ao novo centro cívico, adiantaron que trasladarán a reivindicación a través de diferentes iniciativas e que agardan continuar realizando un traballo de proximidade para contribuir a resolver as demandas da veciñanza, de xeito especial no Concello de Ourense aínda que o PSdeG sempre se atope “cunha parede de inacción”.
Agradeceron, así mesmo, á A.VV. San Miguel de Canedo, á A.VV. Santa Teresita, á A.VV. Tras Estación, á A.VV. A Ponte, á A.VV. Peliquín, á A.VV. Andén I e a Amigos das Termas a súa predisposición para achegar as necesidades cidadás nun encontro próximo e distendido. Na foto reunión de veciños de Peliquín.