Santiago de Compostela/PSdeG | O eurodeputado do PSdeG, Nicolás González Casares, e o vicesecretario xeral do PSdeG, Pablo Arangüena, abordaron a situación xerada tralo acordo do Brexit e as achegas procedentes dos fondos europeos para a reactivación da economía de Galicia.
González Casares anunciou que os socialistas europeos reclamaron á presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, “a posta en marcha inmediata do fondo de continxencia do Brexit que contén especificamente a pesca como beneficiaria de axudas”, unha reclamación “que fixemos dende o primeiro día e este mesmo luns imos ter unha reunión nese sentido”.
“Despois do acordo do Brexit, sen botar as campás ao voo, podemos respirar aliviados”, aseverou o eurodiputado González Casares. Así, o socialista asegurou que malia que “non podemos dicir que o acordo nos guste ao 100% con respecto á pesca, entendemos que o acordo tralo Brexit podería ter sido moito peor”.
Nesta liña, incidiu en que “o déficit de capturas e cotas que se vai producir non é moi lesivo para Galicia”, pero amosou a súa preocupación porque o acordo “só chega ata 2026”, o que “significa que en 2026 hai que renegociar, de xeito novo, cota a cota”.
“Aínda que o dano para o sector da pesca é contido, nove millóns de euros anuais (…) queremos que se apoie a noso sector pesqueiro por todos os danos que produce o Brexit”
“Aínda que o dano para o sector da pesca é contido, nove millóns de euros anuais segundo os datos que publicou onte a patronal pesqueira, queremos que se apoie a noso sector pesqueiro por todos os danos que produce o Brexit”, recalcou o responsable socialista. Así, asegurou que os socialistas galegos traballarán “firmemente” para conseguir que ese acordo “se alongue” tras 2026 e evitar así ter que negociar “ano a ano”.
Neste senso, o eurodeputado galego sinalou que o PSdeG está a traballar “sen caer no populismo nin na demagoxia” para apoiar ao sector pesqueiro, tendo en conta que “o Brexit era un mal que estaba aí” e “habería que negociar e chegar a un acordo”.
“Galicia vai recibir máis fondos que algúns países enteiros da UE” no primeiro tramo dos Fondos REACT-UE
“Doe como europeísta escoitar que é pouco diñeiro porque Galicia vai recibir máis fondos que algúns países enteiros da Unión Europea, que teñen máis habitantes que nós e que tamén están afectados pola pandemia”, aseverou o socialista.
Así, González Casares destacou que Galicia recibirá 441 millóns de euros do primeiro tramo dos fondos REACT-EU, cando Bélxica “recibirá 260 millóns de euros”, o que supón “180 millóns de euros menos que Galicia”. O mesmo ocorrerá, lembrou, “só con cruzar a raia”, xa que “un portugués do norte vai recibir menos cantidade de diñeiro deses fondos que un galego”.
“Galicia recibirá 441 millóns de euros do primeiro tramo dos fondos REACT-EU, cando Bélxica recibirá 260 millóns de euros”
Nesta liña, sinalou que “chama a atención que se discuta o reparto, que vén precisado polo regulamento europeo”, xa que “o reparto non é igual para todos, é desigual baseado no dano que fixo a pandemia en cada lugar no sanitario e no económico”.
“Necesitamos aproveitar eses fondos e que Galicia invista ben eses fondos”, reiterou. González Casares instou ás administracións a “aproveitar a solidariedade europea, que é grande” e supón “unha oportunidade de fortalecer os nosos servizos públicos, que están sendo desafiados polo dano do virus”.
Por último, o eurodeputado do PSdeG sinalou o europeísmo como “garantía para os galegos e galegas, nun momento no que vemos que o populismo pode facer moito dano á democracia e ás nosas sociedades”. Así, subliñou que “unha organización supranacional que envolve a tantos millóns de persoas e países de xeito democrático é unha garantía de progreso para Europa e para os galegos e galegas”.
“Total improvisación e escurantismo” da Xunta cos proxectos europeos
Pola súa banda, o vicesecretario xeral do PSdeG, Pablo Arangüena, sinalou que “España logrou un acordo histórico ante unha crise histórica”, tendo en conta que “140.000 millóns de euros serán para o noso país dun total de 750.000 millóns que vai repartir e inxectar a UE”.
Así, isto significa que “o 18,7% dos fondos totais da UE son para o 10% da poboación que representa España dentro da poboación da UE, é dicir, case o dobre do que nos correspondería segundo a nosa poboación”, recalcou.
O responsable socialista amosou a súa preocupación ante a “total improvisación e escurantismo” con respecto á presentación dos proxectos europeos por parte da Xunta de Galicia, xa que “o 13 de outubro falaba de 7 proxectos” e “10 días máis tarde, de 108”. Así, recordou que “non sabemos en que consisten nin en base a que criterios se seleccionaron eses proxectos, se é que existiron”.
“O responsable socialista amosou a súa preocupación ante a ‘total improvisación e escurantismo’ con respecto á presentación dos proxectos europeos por parte da Xunta de Galicia”
“En lugar de criticar a un goberno que conseguiu a maior aportación de fondos europeos tamén para Galicia, o señor Feijóo o que ten que facer son os deberes” ante “a maior oportunidade para modernizar a nosa economía”, sinalou.
Nesta liña, incidiu que “nunha ocasión histórica, non sabemos o que está facendo a Xunta de Galicia, a diferencia doutras comunidades autónomas que si están sendo transparentes coa súa reacción, cos seus proxectos e coa súa planificación ante esta oportunidade económica”.
Por último, o vicesecretario xeral criticou que “co orzamento europeo máis expansivo e cos Orzamentos Xerais do Estado máis expansivos da nosa historia, a Xunta entregou 22 millóns de euros a autónomos, comercio e hostalería, cando o goberno de España xa lle entregou a Xunta 221 millóns”. Así, instou á Xunta a facer “moito maior esforzo ante a maior crise á que nos estamos enfrontando”.