Pontevedra/PSdeG| A comarca do Baixo Miño representa perfectamente a tendencia da Xunta de Galicia a arrastrar partidas orzamentarias dun ano ao seguinte sen chegar nunca executalas.
O secretario xeral dos socialistas pontevedreses, David Regades, afirmou, tras celebrar unha xuntanza telemática con alcaldes e secretarios xerais da comarca, xunto coa deputada Leticia Gallego, que a través das emendas aos Orzamentos 2021 reclamaranse investimentos reais “que vaian máis alá do papel e que nos permitan espertar dunha vez por todas deste día da marmota orzamentaria”.
Regades fixo un repaso ao proxecto de Orzamentos da Xunta e subliñou que ao analizar as 81 partidas do capítulo de Investimentos, que citan algún concello da provincia de Pontevedra, chégase á conclusión de que o investimento real en obra nova por habitante, máis alá da propaganda da Xunta, apenas supera os 125 euros e que a provincia de Pontevedra volve ser a máis castigada. A maiores, afeoulle á Xunta que só contemple 1,5 millón de euros para proxectos industriais, cifra que resulta imposible de comparar cos 60 millóns de euros que os Orzamentos do Estado (os PGE) inclúen para o próximo ano a través da Zona Franca.
Leticia Gallego fixo unha lectura crítica dos Orzamentos da Xunta, recalcando que na comarca do Baixo Miño percíbese claramente a tendencia a repetir partidas tódolos anos, sen que nunca se cheguen a executar.
“Na comarca do Baixo Miño percíbese claramente a tendencia a repetir partidas tódolos anos, sen que nunca se cheguen a executar”
Na xuntanza estiveron os representantes socialistas dos concellos de A Guarda, Tomiño, Tui, Oia e O Rosal e todos eles constataron a insatisfacción polas partidas que aparecen nos Orzamentos 2021, unha circunstancia que se agrava pola importancia de apostar pola recuperación económica trala pandemia.
Violeta de Santiago, responsable local de Tomiño, lamentou que tan só aparezan 200.000 euros para as obras de ampliación do IES, ou sexa o mesmo que nos Orzamentos vixentes neste 2020. Curiosamente, a previsión para 2021 era de 1.450.000 euros, pero quedan agora reducidos aos mesmos 200.000 que non se chegaron a executar.
En canto á previsión de execución da Vía de Altas Prestacións (VAP) A Guarda-Tui, cunha partida de 10.952.000 euros, o alcalde da Guarda, Antonio Lomba, destacou que a VAP contaba o ano pasado con 3 millóns de euros que tamén quedaron intactos. A vía acumula anuncios e promesas incumpridas. “Os Orzamentos da Xunta son papel, algo así como se os concellos multiplicaramos por tres os nosos Orzamentos municipais sabendo que non os imos executar”. A seu xuízo, presionar para que as obras previstas se liciten é máis importante, aínda que as propias emendas. “Coa VAP estamos xa na prórroga da prórroga”.
Sobre os 169.282 euros para da varanda do porto, lembrou que o ano pasado xa aparecía esta pequena obra con 70.000 euros, que tampouco se gastaron. Finalmente destacou que os 691.294 euros previstos para a Escola Infantil A Guarda son menos que os 761.000 euros que aparecen nos vixentes Orzamentos de 2020. Aínda así confía en que poida saír adiante. “Temos un convenio e cada semana chamamos ao Consorcio do Benestar, así que agardamos que desta vaia para adiante e poidamos estreala, como moi tarde, no curso 2022-2023”.
Dende Oia, o secretario xeral e voceiro municipal, Gerardo Rodríguez, lamentou a desaparición da partida de 300.000 euros para o saneamento do barrio de As Mariñas, que levaba “paseando” polos Orzamentos varios anos e significou o grave problema de depuración neste municipio, ademais da falta de concreción ao proxecto de traída de auga dende o Miño. Ao igual que o resto dos concellos subliñou as deficiencias na Atención Primaria trala perda do pediatra que estaba compartido con O Rosal.