Salceda de Caselas/PSdeG | A parlamentaria socialista Paloma Castro reclamoulle ao goberno galego que teña en conta as peticións de investimentos en Salceda de Caselas de infraestruturas educativas e sociais para as crianzas no Concello con un dos índices de natalidade máis elevado de Galicia. Castro visitou hoxe o Concello xunto co portavoz do Grupo Socialista, Gonzalo Caballero, onde se reuniron co Grupo Municipal Socialista, encabezado pola súa portavoz e tenente de alcade, Verónica Tourón.
A responsable socialista lamentou o “desleixo” do goberno galego coa situación do Concello, logo de que no último debate de Orzamentos rexeitaran tódalas emendas presentadas polo Grupo Socialista que incluían un proxecto de construción do novo CEIP, a reforma do CEIP Altamira, o comedor escolar e melloras no CRA Raíña Aragonta, así como o novo proxecto para construír unha escola infantil Galiña Azul, ou a ampliación do IES Pedras Rubias e a implantación do bacharelato.
Lembrou que os socialistas tamén incluían nas súas emendas aos Orzamentos a mellora das dúas estradas autonómicas que pasan polo municipio -iluminación, enlaces e urbanización no caso da zona de Tabernanova-.
Castro explicou que o Grupo Socialista continuará reclamando estas actuacións a través do Parlamento durante o que queda de período de sesións, como ven facendo xa no eido educativo ou social, presentando unha serie de iniciativas como a construción da escola infantil Galiña Azul, que o Concello está a reivindicar dende 2018.
Alertou da urxencia desta infraestrutura para a vila coa maior natalidade de Galicia, que só conta cunha única escola infantil pública, co que cada ano moitos nenos e nenas quedan sen praza e pasan a engrosar unha lista de espera que agora mesmo conta con 100 pequenos. Esta situación, dixo, levou ao Pleno da Corporación a aprobar por unanimidade en outubro unha iniciativa para pedir esta escola infantil.
Sinalou que a educación “é un dereito que debemos de protexer sempre”, e acusou ao goberno galego de “permitir fendas ou desigualdades na educación por razóns de territorio, con alumnos de primeira e segunda categoría, en función de que vivan nunha das principais cidades ou nos concellos rurais”.
Ademais, censurou o “cinismo” amosado polo Executivo autonómico, que logo de anunciar “a bombo e prato” unha Lei de Impulso Demográfico para loitar contra o despoboamento, a realidade é que “non actúan en consecuencia”. A realidade é que o Executivo “leva anos privando de servizos esenciais aos concellos rurais de forma progresiva, sinaladamente nos eidos da sanidade ou da educación”, como sucede neste caso en Salceda.
Verónica Tourón, portavoz municipal e tenente de alcaldesa, puntualizou que “as necesidades de Salceda son moitas e a Xunta non está a atender as demandas da nosa veciñanza, non inviste en novas infraestruturas como saneamento, unha escola infantil ou o centro de día, e nin tan sequera atende a mellorar as existentes que son da súa competencia”.