Tomiño/PSdeG | O luns 8 de marzo, Día Internacional da Muller, Tomiño celebrou sesión de plenaria ordinaria na que foi referendada a declaración institucional consensuada polos grupos da Corporación logo de ter presentadas senllas mocións ao respecto en tempo e forma o PSdeG e PP, e por contra ter renunciado o BNG a facer o propio.
Entre os puntos da Orde do Día, figuraba o expediente de modificación de créditos para o derrubo do edificio onde se construirá a demandada, esperada e futura biblioteca. As concelleiras socialistas Violeta de Santiago e Mirta Misa votaron en contra xa que, se ben comparten a necesidade urxente deste equipamento para o concello, “esa dotación nin pode nin debe ser unha cortina de fume onde se pode esconder calquera escusa para saír nos medios cada certo tempo”, sinalaron. De feito, o voto en contra vén dado porque “a día de hoxe non existe financiamento algún para levar adiante este proxecto e non queremos ver un solar arrasado, no centro da vila, sen data prevista para o inicio da obra”, apuntou a portavoz socialista Violeta de Santiago.
O PSOE tomiñés cualifica de “curioso” o feito de que o Goberno local pretenda buscar fondos na Xunta de Galicia, no Goberno do Estado e tamén no fondo de recuperación europeo “Next Generation”, “mesmo cando os nacionalistas en Madrid votaron en contra do decreto que regula a execución dese fondo para a recuperación económica e social e ter asegurado que España e Europa son a ruína de Galicia”. Para as e os socialistas de Tomiño isto é “unha boa mostra da demagoxia, incoherencia e irresponsabilidade do BNG”.
As concelleiras socialistas recoméndanlle ao Goberno “que deixe de manosear a biblioteca” e esíxenlle “que logo de 14 anos prometéndoa en cada campaña electoral sexa un compromiso serio e decidido e non unha postura de cara a galería”.
Violeta de Santiago e Mirta Misa lembraron que hai un ano votaron a favor “de buscar financiamento en todas as administracións, votamos a favor hai dous meses tamén, e volveremos a apoiar ese paso cando sexa preciso, sempre e cando se deixe de xogar cun tema co que estamos especialmente sensibilizadas”.
As e os socialistas tomiñeses consideran que “cun remanente de tesourería de máis de tres millóns de euros, nun momento de fonda crise económica e social e cunha hostalería desangrada e sin ningunha axuda municipal, traer ao Pleno unha modificación de créditos de 75.000 € para un proxecto que ninguén sabe cando será unha realidade, parécenos unha burla ao conxunto da veciñanza” polo que piden “seriedade ao Goberno” ante un tema “de crucial importancia para o presente e o futuro do noso Concello”.