Santiago de Compostela/PSdeG | A parlamentaria socialista Patricia Otero urxiulle hoxe á Xunta que convoque de inmediato a Mesa Industrial comprometida cos traballadores de Vestas afectados polo peche da factoría para buscarlles alternativas laborais.
Otero presentou unha pregunta oral no Pleno do Parlamento na que lle reclamou ao conselleiro de Industria que “deixe de buscar inimigos e de botar balóns fora” e asuma as súas competencias.
Otero advertiu que “é fundamental ir coordinados, ir da man” coa colaboración do goberno central, pero avogou por focalizar nas competencias exclusivas da Xunta de Galicia”.
Lembrou que o goberno galego ten competencia exclusiva en materia industrial, o ERE da empresa foi presentado en Galicia e sobre unha factoría localizada nesta comunidade autónoma.
Apuntou que “a Xunta non foi quen de paralizar o ERE, o que lle pedían ao goberno central no caso de Alcoa”, e engadiu que “é o momento de que lle poñan deberes á empresa para facerlle máis complicado” levar adiante este expediente.
A parlamentaria socialista lembrou que o ERE foi presentado ao mesmo tempo que a multinacional anunciaba o peche antes do remate de 2021, demostrando “mala fe cos seus traballadores”, que demostraron ao iniciar o período de consultas do ERE, cando evidenciaron que “só querían poñer o reloxo en marcha”.
Esta decisión unilateral da empresa deixa a 115 persoas na rúa e asestando un “mazazo á economía da comarca da Mariña”.
Patricia Otero mantivo un encontro cos representantes do Comité de Empresa, que viaxaron ata o Parlamento para seguir o debate, e aos que lles trasladou o compromiso do Grupo Socialista e do equipo de goberno de Viveiro e da súa alcaldesa, María Loureiro.