Santiago de Compostela/PSdeG | A voceira de Cultura do Grupo Socialista, Noa Díaz, vén de urxir “celeridade” á Xunta para salvar ao sector da cultura, dado que o sector “está agonizando”. Fíxoo durante a presentación dunha proposición non de lei para instar ao goberno galego a desenvolver e executar un plan “real” para a reactivación cultural.
“Escoita activa, avaliación rigorosa, concreción, celeridade e recursos suficientes. Con estes cinco ingredientes confeccionen unha receita que solucione o problema de inanición que está a sofrer a nosa cultura”, aseverou a responsable socialista, quen instou ao goberno galego a que “se comprometa claramente” co sector.
Díaz pediu ao goberno galego leve a cabo “medidas extraordinarias” que respondan ás “necesidades reais” dun sector “exhausto e sen expectativas”. Nesta liña, esixiu “axudas directas específicas” que teñan en conta “as particularidades do sector”, tal e como se fixo noutros territorios como Cataluña, onde abriron liñas dirixidas ao persoal traballador e outras como, por exemplo, seguros de suspensión de funcións.
Doutra banda, a responsable socialista criticou a “improvisación”, a “falla de avaliación” das medidas xa tomadas, así como o “inexistente diálogo continuo co sector” que está “canso da pouca vontade, de expectativas incumpridas e de brindes ao sol”. Así, lamentou a “incoherencia” que amosa o goberno galego cando presume de “facer esforzos” para salvar a cultura e, ao mesmo tempo, é das poucas comunidades que “mantén pechados os espazos culturais”.
“Así, lamentou a “incoherencia” que amosa o goberno galego cando presume de ‘facer esforzos’ para salvar a cultura e, ao mesmo tempo, é das poucas comunidades que ‘mantén pechados os espazos culturais”.
Nada se sabe do Xacobeo, o “Gran Mirlo Branco da Xunta para o sector”
“Nada se sabe tampouco aínda do Xacobeo, o gran mirlo branco da Xunta para o sector cultural”, aseverou. Así, lembrou que o goberno galego tiña “todo fiado a un magno acontecemento que xa non vai ser o previsto” por mor da crise da covid. “Xa llo advertimos, e agora que?”, subliñou.
Neste senso, a responsable socialista propuxo á Xunta “adaptar boa parte dos fondos” dedicados a iniciativas que formaban parte do Xacobeo 2021 e que xa non van poder desenvolverse e “reorientalos cara a novas propostas”, xa que reprogramar todo cara aos meses vindeiros “significará unha sobresaturación do calendario” e “non solucionará nada”.
Por último, a socialista criticou o Informe sobre o estado do Plan de Reactivación – Sector Cultural que presentou a Consellaría de Cultura o 26 de novembro de 2020, un documento que debería conter a avaliación “dunha estratexia elaborada ad hoc para protexer ao sector” e, en realidade, “consta dun total de 4 páxinas, portada e contraportada corporativas incluídas, ou sexa, dous folios de contido, no que en realidade só se explica un contexto que xa coñeciamos”.
“Este documento dá conta dun desinterese que pode pór en perigo a nosa cultura, que adoece dunha estratexia” a curto e a medio prazo, sentenciou.