Baiona/PSdeG-PSOE | Negar a evidencia só denota o desnorte dun Partido Popular que, logo de ter logrado o Goberno da Deputación, segue sen saber que facer coa Administración provincial. Así valora o deputado socialista Carlos Gómez “o negacionismo absurdo” que os populares tratan de facer sobre os investimentos recentes no Val Miñor.
Carlos Gómez recoméndalle ao PP que se poña a traballar, pois tres meses despois da toma de posesión “no news” do novo Goberno provincial, que só se dedica a atribuírse os proxectos herdados do anterior.
“Parece que ao señor Almuíña moléstanlle os 42 millóns de euros achegados durante a Presidencia socialista de Carmela Silva, que se traduciron en 370 obras, 2.400 actividades socioculturais e a contratación de 552 persoas desempregadas para servizos municipais na comarca”.
“O Val Miñor recibiu ata o último euro que lle correspondía cos criterios regrados do Plan Concellos e ademais mereceu o recoñecemento de ver importantes proxectos financiados cos plans extraordinarios, así que o PP pode practicar o negacionismo e falsear todas as cifras que queira, pero non pode evitar que a xente utilice e disfrute a diario as 370 obras executadas en Baiona, Nigrán e Gondomar para mellorar os servizos públicos”, conclúe.
Gómez explica que tan só co Plan Concellos, é dicir, o instrumento regrado de financiación municipal, o Val Miñor recibiu 23,2 millóns de euros nos últimos 8 anos, mentres que no período equivalente co PP de Rafael Louzán non pasou de 11,7 millóns sumando tódalas achegas da maraña de plans municipais redundantes que foron desfilando naquel período escuro de 2007 a 2015. Ou sexa, que con Carmela Silva, o Val Miñor recibiu un 97% máis, case o dobre de fondos regrados ordinarios, que con Rafael Louzán.
Pero, ademais, cómpre ter en conta o impulso a obras tan transformadoras, como a biblioteca de Nigrán, a rúa de Otero Pedraio, a rúa da Gaivota, as prazas de Paradela e de Rosalía de Castro, o paseo Pinzón ou a avenida de Sabarís, todas elas financiadas cos plans extraordinarios de concorrencia competitiva en función da calidade dos proxectos. Ou as 21 grandes actuación de seguridade viaria nas estradas provinciais, así como a chegada de fondos europeos xestionados directamente pola Deputación.