PSOE de Ponteareas pide inclusión da seguridade na N-120 nos Orzamentos do Estado

Durante a visita realizada pola deputada socialista Paula Fernández

Ponteareas/PSdeG-PSOE | O Grupo Municipal do PSdeGPSOE de Ponteareas solicitou a axuda da deputada socialista no Congreso dos Deputados, Paula Fernández, para que o proxecto de transformación e mellora da seguridade viaria da N-120 sexa incluído nos Orzamentos Xerais do Estado do 2025 ou, en todo caso, se priorice dentro da “axenda galega” do Ministerio de Transportes

Nun encontro celebrado hoxe, no que participou a voceira municipal, Vanesa Fernández, e outros membros da Agrupación, a deputada socialista recolleu a iniciativa e comprometeuse a traballar desde o Congreso en Madrid para reforzar a necesidade de que “este proxecto tan importante para Ponteareas” sexa contemplado nas vindeiras contas estatais.

Tanto o Grupo Municipal como a deputada coincidiron na necesidade de que, con independencias das dificultades existentes para a aprobación dos Orzamentos Xerais do Estado esta actuación debe ocupar un espazo nas prioridades da Dirección Xeral de Estradas do Ministerio.

Na reunión valorouse a transformación definitiva e a mellora da seguridade viaria da N-120 como un proxecto absolutamente transcendental para Ponteareas, lembrando que existe un compromiso firme do Goberno de Pedro Sánchez, coa veciñanza de Ponteareas. Nesta liña, lembraron que o proxecto saíu a información pública por dúas veces, por tanto coas máximas garantías de participación, e, a día de hoxe, coas alegacións resoltas e o proxecto moi avanzado, toca comezar a falar da licitación das obras.

A mellora da seguridade e permeabilidade peonil da N-120 entre o centro urbano de Ponteareas e o alto do Confurco afectará a uns 5 quilómetros de trazado, aproximadamente. Discorre polas parroquias de Xinzo, Arnoso e Areas e conta cun orzamento estimado tras o último deseño de 5,26 millóns de euros (IVE incluído).

O Grupo Municipal Socialista de Ponteareas agradeceu o compromiso de Paula Fernández para traballar desde Madrid co fin de que esta obra se execute o antes posible. Os socialistas recordaron, así mesmo, que fronte os compromisos e avances do actual Goberno de España “as administracións anteriores do PP fixeron promesas que nunca chegaron a concretarse”.