Ourense | Os portavoces de PSdeG-PSOE e BNG no Concello de Ourense non acudiron esta mañá á reunión de portavoces dos grupos municipais que convocou a Alcaldía para tratar o tema de asignacións de recursos económicos e persoal eventual. Só acudiron á convocatoria a portavoz do PP, Flora Moure, e o de Ciudadanos, José Araújo.
Deste xeito, explica o goberno municipal, “o tema queda en pausa, xa que se precisa unha maioría plenaria para calquera modificación orzamentaria, e o grupo de goberno non ten maioría absoluta”.
A idea de Alcaldía baseábase “nun enfoque onde non se produciría ningún custo extra ao Concello: dotar economicamente os grupos municipais co mesmo diñeiro que lle custaba ao Concello contratar o persoal eventual”.
No caso de que os grupos municipais aceptasen esta proposta “non se cubrirían esas prazas de eventuais, para que o gasto fose o mesmo”.
O goberno municipal subliña que “o artigo 73 do Estatuto dos membros das corporacións locais é moi claro, permitindo que se poida gastar en persoal (quedando excluídos quen traballan para a Corporación, é dicir, ou funcionarios ou políticos do Concello).
PSOE e BNG dixeran que era ilegal porque é tal a inepcia destes dous partidos, que non saben nin interpretar as leis”, asegura o goberno municipal.
Pérez Jácome avanzou que “esta Alcaldía non permitirá que o rumbo o marque a oposición. Mentres non queiran negociar, obviamente ocuparemos os postos de eventuais que consideremos”.
Continuou dicindo que “por iso, e máxime tendo en conta que minguaron os recursos dos grupos municipais de C’s e DO, non descartamos recorrer a incorporar a eventuais ao servizo destes dous grupos, que compense mentres tanto a perda de recursos´”.