Mondariz/PSdeG-PSOE | Os socialistas de Mondariz resumimos o sentido e resultados do votado como seguen:
1º,- Fracasou a proposta de 2019 dunha alcaldía elixida por maioría absoluta e un goberno de coalición, en minoría. Nin o incremento notorio das inversións, nin as novas formas políticas, nin a entrega ao traballo dos seus membros, nin a concordia dentro da coalición, foron razóns bastantes para conseguir un voto popular suficiente que permita continuar a labor iniciada. Outras razóns políticas tiveron mais peso.
2º,-Esas outras razóns políticas levaron ao incremento de concelleiros de Alternativa por Mondariz e P.P., que foron os favorecidos polo voto popular. Son logo, as forzas chamadas a ofrecer outra política para Mondariz.
3º.-Sen embargo, o voto popular non permite a investidura directa dun alcalde por maioría absoluta nin a formación dun goberno de maioría de ningún deses dous partidos por si. Salvo acordo de coalición, imponse como solución, o mal menor, previsto pola lei, para neste casos: que goberne a lista mais votada, circunstancia case idéntica ao 2015. A lista mais votada, chamada a alcaldía e ao goberno, polo ministerio da lei, é a de Alternativa, que representa 2/5 dos electores.
4º.-Para a formación das coalicións posibles para alcanzar maiorías, os distintos partidos políticos teñen os límites das súas ideas, dos seus programas, e dos compromisos e promesas feitas aos votantes: non se lles pode pedir que solucionen agora o que o voto popular, coñecedor das circunstancias, non decidiu claramente, sen que aqueles corran graves riscos, e impóndolles sacrificios, non sempre recoñecidos nin recompensados despois polos electores, como é manifesto, público e notorio.
Aínda admitindo o comportamento correcto do P.P. co goberno de coalición, as diferencias ideolóxicas, as de programa, xunto a menor tolerancia dos nosos votantes a un acordo con esta formación, impiden apoiar unha alcaldía ou formar un goberno municipal co PP. Recibidas propostas de coalición de Alternativa por Mondariz, tendo sido analizadas e debatidas, teñen que ser rexeitadas. A negativa a apoiar a súa alcaldía e formar coalición de goberno veñen fundadas nas diferencias ideolóxicas con esa formación (entre outras: polo seu manifesto caudillismo, oportunismo, localismo, e o sectarismo de parte relevante da súa militancia e simpatizantes).
Tamén, na total falta de confianza, derivada, tanto na nosa mala experiencia do goberno en coalición na lexislatura de 2015 (de funesto recordo), como nas súas actuacións na lexislatura iniciada en 2019, coa omisión de consultas ao noso partido para a investidura para a alcaldía e a formación de goberno, no seu inicio, e durante todo resto da lexislatura, por ter practicado a obstrución gratuíta e caprichosa á labor do goberno, limitando as dedicacións dos seus membros, ou impedindo a aprobación duns orzamentos, extremadamente necesarios, entre outras cousas. Finalmente, tampouco ofreceron motivos de confianza o desenrolo da campaña electoral, non exenta de situacións esperpénticas. Tampouco mudan a nosa negativa, as garantías ofrecidas para o cumprimento do ofertado, que non pasaron de meros “arrepentimentos” por erros pasados, fútiles compromisos de emenda, estériles e tardías chamadas á “colaboración entre partidos por Mondariz”, e melindroso “recoñecemento” a actuación “meritoria” dos socialista no pasado goberno.
Nada se dixo de renuncia pola súa parte a persoas, formas ou prácticas pasadas. Nas circunstancias presentes os socialista en Mondariz teñen tomado as seguintes decisións:
1º,-Non presentará a súa candidatura á alcaldía o próximo 17/06/23.
2º.-Rexeitar a proposta de Alternativa por Mondariz de a formar parte do goberno municipal.
3º.- Cara o futuro: non apoiar ningunha proposta de cambio de alcaldía que non veña acompañada dun programa mínimo de goberno, que necesariamente debe incluír as medidas inaprazables para equilibrar o orzamento municipal cun apoio estable no Pleno, garantido para o que quedase de lexislatura.