Ponteareas/PSdeG-PSOE | O goberno de Nava Castro quere levar a pleno un orzamento para o ano 2024 que conta cun informe negativo de intervención, o órgano que fiscaliza as contas do concello, e que ademais sinala este órgano que a Sra. Nava Castro incumpre a lei posto que non facilita á intervención a documentación co tempo mínimo imprescindible para poder estudar os orzamentos.
De igual xeito, a Sra. Castro remitiu o expediente de orzamentos do 2024 á oposición con apenas 4 días para poder estudalo e fiscalizalo. O que pon de manifesto o nulo interese de que a Corporación Municipal participe na elaboración dos orzamentos, tal e como pregoaba a Sra. Castro antes das eleccións municipais.
O Partido Socialista propuxo na comisión informativa previa ao pleno extraordinario do vindeiro luns unha batería de preguntas para fiscalizar estas contas; deducindo, tras as escasas explicacións do PP, que o orzamento de ingresos non se axusta á realidade posto que se prevé unha recadación do ICIO (imposto de construcións) superior nun 400% á existente ata este pasado 8 de novembro.
De igual xeito é sospeitoso que o Partido Popular teña pensado recadar en terrazas máis dun 500% do existente ata novembro deste ano; o que tan so se explicaría cunha futura subida do imposto das terrazas; ou o previsto para venta ambulante que pretende recadar máis do dobre.
En canto ao orzamento de gastos o Partido Socialista presentou, xunto co BNG, unha emenda para que a Sra. Castro inclúa nas subvencións unha partida destinada a asociación Avelaíña, tal e como facía o bipartito nos seus orzamentos. Critica tamén o PSOE a eliminación da subvención a asociacións de interese social municipal ou as subvencións a organizacións sen ánimo de lucro. Nava Castro presenta uns orzamentos sen participación e ambición para enfrontar os verdadeiros retos de Ponteareas
Para o Partido Socialista é inaceptable a eliminación do Programa de igualdade, a supresión da previsión da Feira do libro, do Festival Groba, do Premio Fermín Bouza Brey ou do programa cultural para os centros veciñais.
“Esiximos que non se rebaixe a partida destinada a emerxencia social ou as actividades complementarias en educación que supoñían unha aposta do goberno anterior polas familias e a comunidade educativa”, afirman dende o PSOE.
Nun primeiro balance feito dende o grupo socialista destaca que non se destine nin un so euro para a rede de auga potable xa que temos barrios nas nosas parroquias como en San Mateo ou en Bugarín que non teñen acceso a unha rede potable de auga, nin un so euro tampouco para vivenda social, a falta de transparencia nas subvencións previstas e o escaso investimento previsto xa que moito do que aparece nos orzamentos é do goberno anterior como os fondos do PIREP ou do convenio PON 2030.