Ponteareas/PSdeG-PSOE | O Partido Popular, que goberna en minoría, levou por urxencia ao pleno do 29 de agosto, sen consultar con ningún partido, a modificación e prórroga do aínda vixente contrato de xestión do Complexo Álvaro Pino. O contrato, aínda en vigor, rematará o vindeiro agosto de 2027.
O actual Concelleiro de Deportes, Francisco Jesús Represas, intentou convencer á oposición para que se aprobase unha nova concesión que remataría no ano 2032 xustificándoo na oportunidade para que algúns clubs que usan o Pavillón Municipal non tivesen que pagar á concesionaria polo seu uso. Dende o Partido Socialista se lle explicou ao Sr. Represas que estamos a favor de que os clubs non teñan que pagar polo uso do Pavillón pero para iso non fai falta conceder á concesionaria 5 anos máis de contrato.
“Existen outras fórmulas para que non sexan os clubs os que teñan que facerse cargo do pago das horas do Pavillón á concesionaria. Se o PP realmente quere favorecer e axudar aos clubs pode facelo, contando co noso apoio, e sen hipotecar ao Concello”, afirma Vanesa Fernández voceira do PSOE de Ponteareas. A escusa que tratou de vender o Partido Popular foi rexeitada polo conxunto da oposición non podendo o Partido Popular nin sequera debater a modificación que presentaba.
Para o Partido Socialista é lamentable que a Sra. Nava Castro queira darlle cartos públicos a unha empresa para que contrate a un vixilante que está obrigado a poñer o Concello. “O Partido Socialista aposta polo emprego público e non imos apoiar unha contratación privada pudendo e debendo facelo o concello mediante procesos que garantan a igualdade o mérito, a capacidade e a publicidade.”
“De feito o pasado 31 de agosto a Sra. Nava Castro firmou un decreto para a contratación dun conserxe para o Pavillón, polo que unha vez máis demóstrase que o que dí o Partido Socialista é unha realidade e o afán privatizador da Sra. Nava Castro lembra antigas prácticas caciquís deste Concello, que de ningunha maneira consentiremos”, afirma Vanesa Fernández. O actual contrato de xestión da Piscina e Pavillóns firmouse inicialmente no ano 2011.
“É máis que evidente que a situación deportiva no noso Concello non ten nada que ver co que existía fai 12 anos, polo que o PSOE aposta por facer, nos catro anos de contrato que aínda restan de concesión, uns novos pregos para sacar a licitación onde se teña en conta a realidade de Ponteareas de hoxe en día e se poida beneficiar, non sólo aos clubs, senón tamén aos particulares que fan uso das instalacións”, sinalan dende o PSOE. Dende o Partido Socialista lembran que levan anos reclamando na Xunta de Galicia a construción dun novo pavillón, e que a aprobación do PXOM en decembro de 2021 permite ceder terreo para a súa construción.
Lamentamos, dende o Partido Socialista, que a Xunta de Galicia teña completamente esquecida á veciñanza de Ponteareas. Dende o PSOE de Ponteareas recórdanlle á Sra Nava Castro que non pode seguir actuando do xeito que ven facendo, sen falar coa oposición e sen tentar acadar o máximo consenso posible.
“O Partido Popular en minoría ten que ter a capacidade de poder chegar a acordos pero non vai a poder conseguilos se nin sequera se senta coa oposición maioritaria no Concello”, afirman dende o PSOE.