Ponteareas/PSdeG-PSOE | O Diario Oficial de Galicia publicou esta semana o anuncio da transferencia da antiga estrada provincial EP-4006 Ponteareas-As Neves dende a Deputación de Pontevedra ao Concello de Ponteareas.
O Concello solicitoulle á Deputación a transferencia de dous treitos de 323 metros lineais e 50 metros lineais sen obras de urbanización previas, polo que o Concello pasa a ser responsable do mantemento deste tramo da avenida Sarmiento, a pesar do seu calamitoso estado e da carencia de beirarrúas e traxectos peonís seguros.
A voceira do grupo municipal socialista, Vanesa Fernández Soage, e o secretario xeral local do PSdeG-PSOE, Delfín Domínguez, visitaron a zona acompañados do deputado en Cortes e secretario xeral provincial, David Regades, e da deputada provincial, Nuria Rodríguez, para denunciar este “despropósito”.
Vanesa Fernández explicou que a alcaldesa, Nava Castro, culmina así unha “pésima xestión que vai en contra da veciñanza, que se ve privada dunhas obras de urbanización, que xa estaban a piques de comezar dado que atopábanse en pleno procedemento de licitación por parte da Deputación”.
“Padecemos a unha alcaldesa que viu a desfacer, polo que estes catro anos van a estar marcados por un continuo retroceso”, lamentou. Fernández Soage subliñou que Nava Castro renunciou ao convenio de 630.423 euros que quedou asinado durante o mandato pasado entre a Deputación presidida por Carmela Silva e o Concello de Ponteareas para humanizar estes dous treitos da avenida Sarmiento, dotándoos dunha senda peonil e tódolos servizos municipais, ademais da repavimentación e a habilitación de acceso para os vehículos pesados que distribuirán a mercancía ao futuro supermercado de Mercadona que xa conta con licencia municipal na zona. Ademais, quedaba resolto o encontro coa zona axardinada que está incluída na reordenación da parcela do supermercado.
“Agora quedará sen beirarrúas e sen servizos por moitos anos”, lamentan dende o grupo socialista. A Deputación aceptou a renuncia, non sen antes advertir a Nava Castro de que se as 8 empresas que xa tiñan presentado ofertas no procedemento de licitación reclaman o pago dos traballos previos deberá ser o Concello de Ponteareas o que responda das responsabilidades económicas. Este asunto xa motivou unha batería de preguntas ao pleno de Ponteareas que aínda non foron tratadas.