PSOE Ponteareas acusa ao Concello de “actitude antidemocrática” ante protestas veciñais

Por tentar silenciar a manifestación da FANPO reclamando mais profesores

Ponteareas | Segundo a voceira socialista Vanesa Fernández, o Concello de Ponteareas “boicotea a protesta da FANPO para reclamar mais profesores de apoio ao facer coincidir as probas do videomapping do Nadal co acto reivindicativo”.

Segundo comunicado emitido, “desde o PSdeG-PSOE de Ponteareas queremos expresar a nosa profunda preocupación por a deriva antidemocrática da Sra. Nava Castro, alcaldesa de Ponteareas, quen tentou, en máis dunha ocasión, silenciar as lexítimas protestas dos veciños e veciñas que non lle son do seu agrado”.

Indicaron que este 20 de decembro produciuse o último episodio de boicot, onde o Concello de Ponteareas amosou a súa falta de talante democrático facendo coincidir, a lexítima protesta organizada pola FANPO para reclamar á Xunta de Galicia máis profesorado de apoio para as nenas e nenos con necesidades especiais, coas probas do videomapping organizado polo goberno local, deixando sen luz aos numerosos manifestantes que asistiron, cando eran perfectamente coñecedores do devandito acto. “Ser testemuña da lectura dun manifesto coa axuda das lanternas dos móviles é o reflexo do autoritarismo da alcaldesa”, afirma Vanesa Fernández.

Pero como dicimos este non é o único episodio, outro viviuse esa mesma mañá no salón de plenos, onde un veciño da localidade trataba de expresar libremente e sen interromper a sesión en ningún momento, o rexeitamento do colectivo de atletas do noso concello á obra da nova pista de atletismo programada polo goberno municipal.

As protestas veciñais son unha manifestación democrática e un dereito fundamental dos cidadáns para expresar as súas inquietudes e demandas. Tentar acalar estas voces non só é un acto antidemocrático, senón que tamén demostra unha falta de respecto cara á participación cidadá e a transparencia na xestión pública.

É inaceptable que en pleno século XXI, nunha sociedade que se preza de ser democrática e participativa, téntese reprimir o dereito dos cidadáns para manifestarse e ser escoitados. A actitude da Sra. Nava Castro non só vai en contra dos principios democráticos, senón que tamén erosiona a confianza dos cidadáns nos seus representantes e nas institucións que deben velar polo benestar común.

Esiximos á alcaldesa que rectifique a súa postura e que, en lugar de tentar silenciar as protestas, se abra ao diálogo e escoite as lexítimas demandas das veciñas e veciños. Desde o PSdeG-PSOE de Ponteareas reiteramos o noso compromiso coa defensa dos dereitos da veciñanza e a promoción dunha xestión pública transparente e participativa.

BNG alegará pola suba de impostos
O BNG presentará alegacións para tentar evitar a suba de impostos decidida polo goberno local de Ponteareas, que suporá o aumento dun 25% no Imposto sobre Bens Inmobles (IBI) e dun 85% na taxa do lixo.

Así mesmo, o Bloque puxo en marcha unha campaña informativa na que explica a comerciantes e negocios locais a repercusión económica da suba e anima a presentar alegacións “para tentar deter esta navallada coa que o goberno de Nava Castro e a dereita pretenden saquear á veciñanza para seguir destinando diñeiro a caprichos e propaganda. Se precisan máis diñeiro, que comecen por reducir gastos innecesarios”.

Para a presentación de alegacións, cuxo último día de prazo será o vindeiro 24 de decembro, o BNG pon a disposición de comerciantes e veciñanza un modelo de alegación que se pode descargar na súa páxina web, ponteareas.bng.gal e presentar no rexistro do Concello. O Pleno de debate de alegacións e aprobación definitiva prevese para o xoves 26 ás 20:00 horas.

Nas súas alegacións “contra a suba desorbitada da taxa do lixo”, o BNG propón que se adapte o sistema tarifario ao principio de “quen contamina paga”, diferenciando as tarifas segundo o número de residentes das vivendas, a superficie ou a xeración real de residuos. “Dese xeito, aplicaríase a taxa de xeito xusto e equitativo, a diferencia da suba global do 85% que propón o goberno de Castro e que afecta por igual a un pequeno comercio ou a unha familia unipersoal que a unha grande superficie comercial ou a unha familia extensa”, explica o BNG.

Entre as propostas, o BNG aposta por promover políticas activas de redución de residuos, reciclaxe e economía circular como mecanismos efectivos para conter o custo do servizo de tratamento de residuos e explorar alternativas e medidas compensatorias que permitan evitar o traslado directo da suba do canon de SOGAMA á cidadanía, garantindo unha xestión fiscal máis xusta e equitativa.

“A suba do 85% na taxa do lixo imposta polo goberno de Nava Castro e a dereita suporá o aumento de 70 euros nas vivendas do centro urbano, 40 euros no rural e aumentos que superan os 300 euros no caso de determinados establecementos e negocios, que sumado ao aumento do 25% do IBI convértese nun golpe que porá contra as cordas a moitos pequenos comerciantes da vila”, denuncia o BNG.

O Bloque defende que os impostos son necesarios para financiar os servizos públicos, a través dunha fiscalidade xusta e non para satisfacer caprichos e accións propagandísticas do goberno local. Por este motivo, como alternativa á suba do IBI, o BNG propón “o control e revisión do gasto municipal, eliminando partidas sobredimensionadas ou non executadas que distorsionan a realidade orzamentaria, a mellora na eficiencia da recadación fiscal, e o fomento da actividade económica local como ferramenta para incrementar os ingresos municipais sen recorrer sistematicamente á subida dos tipos de gravame”.

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.