Ponteareas/PSdeG-PSOE | No pleno celebrado onte 22 de febreiro o Partido Socialista de Ponteareas solicitou o apoio de todos os grupos municipais para instar á Xunta de Galicia a modificar a lei de transporte para que as persoas que viven no rural e teñen que facer uso do transporte interurbano e sufran algún tipo de mobilidade reducida poidan facer uso deste servizo en igualdade de condicións que o resto de veciños e veciñas.
Así a concelleira socialista Vanesa Fernández salientou a necesidade de que “as administracións terminen de forma real coas desigualdades. Todos os cidadáns temos os mesmos dereitos e as persoas con mobilidade reducida teñen que dispor dos mesmos servizos que o resto da cidadanía.”
Para o Partido Socialista é preciso definir un novo sistema de transporte público adecuado as necesidades da sociedade. “Precisamos un sistema de transporte público sostible nos entornos rurais”. É precisamente nestes entornos onde o transporte presenta unha clara finalidade social como garante dos dereitos esenciais como o dereito a mobilidade persoal.
O PSOE agradeceu o apoio unánime da corporación municipal “a unha necesidade de que as Administracións rematen de xeito real coa desigualdade. Non pode haber cidadáns de primeira e de segunda”, afirmou a concelleira socialista Vanesa Fernández. A xestión do transporte en Galicia é desastrosa e precisa unha mellora integral. A concelleira socialista apuntou a oportunidade de investir fondos europeos para implementar este tipo de actuacións.