PSOE Ponteareas inicia os Encontros Veciñais

Para escoitar as demandas dos colectivos sociais nas parroquias do Concello

Ponteareas/PSdeG-PSOE | O PSdeG-PSOE de Ponteareas iniciamos un proceso de encontros veciñais cos colectivos sociais das diferentes parroquias do concello. Esta iniciativa ten como obxectivo fortalecer o diálogo e a colaboración entre o partido e a cidadanía, así como recoller as inquietudes e propostas dos veciños para mellorar a calidade de vida no noso concello.

Durante os próximos meses, representantes do PSdeG-PSOE de Ponteareas visitarán cada unha das parroquias para reunirse cos colectivos sociais e escoitar de primeira man as súas necesidades e suxestións. Estes encontros permitirán ao partido elaborar un plan de acción máis próximo á realidade dos veciños e veciñas, promovendo así iniciativas tanto a nivel municipal como provincial, autonómico ou estatal.

“Queremos estar máis preto da xente e coñecer de primeira man as súas preocupacións e aspiracións. Estes encontros veciñais son unha oportunidade para construír xuntos unha Ponteareas mellor”, afirmou Vanesa Fernández Soage, portavoz do Grupo Municipal do PSdeG-PSOE de Ponteareas. O PSOE de Ponteareas convida a todos os veciños e colectivos sociais a participar activamente nestes encontros, contribuíndo coas súas ideas e propostas a facer entre todas e todos unha política participativa e transparente no noso concello.

No día de onte iniciáronse ditos encontros na parroquia de Guláns, onde o importante movemento asociativo existente trasladounos as súas demandas que canalizaremos e axudaremos a que se poidan converter en unha realidade.