Ponteareas/PSdeG-PSOE | O Partido Socialista votou hoxe en contra duns orzamentos que non destinan nin un só euro para programas de igualdade tan necesarios para todos e todas, e especialmente para os máis mozos. “Sen prevención e sen accións non é posible erradicar os comportamentos machistas e lograr a igualdade na sociedade. É preciso que todas as administracións contribúan e Ponteareas renuncia a isto”, afirman dende o PSOE.
A voceira municipal, a Sra. Fernández pediu explicacións no pleno pero ningún grupo do goberno foi quen de explicar a falta de apoio á igualdade. Os recortes non só teñen lugar en igualdade senón tamén en emerxencia social ou na partida destinada ao reparto de alimentos que é insuficiente cos datos presentados da liquidación en curso. Lamenta o Partido Socialista os escasos 500 euros cos que conta o programa de protección da saúde pública, tan importante sobre todo para a nosa xuventude.
Báixase o montante total de gasto corrente na escola infantil, en ensino, en normalización lingüística ou na biblioteca e museo. O orzamento que presentou hoxe no pleno o PP incrementa os ingresos a través da subida de impostos como o ICIO que o anterior goberno rebaixara a un 2.75% e que agora se incrementa nun 45% para os veciños e veciñas da vila porque este imposto será gratuíto para a Xunta de Galicia.
Tamén no capítulo de ingresos preténdese gravar á hostalaría nun 600% o que motivou o rexeitamento do Partido Socialista. A voceira municipal socialista indicou que a partida destinada a gratificacións do persoal resulta escasa e que lle preocupa a reordenación que está prevista xa que non se pode asegurar o cumprimento de funcións marcado pola RPT en vigor.
O Partido Socialista sinala que estes orzamentos amosan especialmente a ideoloxía do goberno tripartito nas subvencións, xa que non teñen nin por asomo o grado de especificación e transparencia que as subvencións outorgadas nos pasados oito anos de goberno progresista. O orzamento que se trasladou á oposición non contaba con subvención á asociación Avelaíña, nin a asociacións de interese social municipal nin a asociacións de veciños.
Tras unha emenda presentada o pasado día 14 de novembro o actual goberno de Ponteareas incluíu no orzamento a subvención á asociación Avelaíña pero as asociacións de veciños e veciñas terán 0 euros no ano 2024.
O Partido Socialista destacou a posibilidade de avanzar no saneamento grazas á ampliación da depuradora que está acometendo o goberno de Pedro Sánchez e significou a importancia da Plataforma do saneamento de Ribadetea na loita e concienciación da necesidade de ter un concello saneado.
Pero lamentou o Partido Socialista que non se contemple nada para vivenda xa que coa aprobación do PXOM, que non foi apoiado nin por PP nin por ACIP, hoxe é posible planificar e investir en vivenda. O Partido Popular rebaixa á inversión no noso concello en case 2 millóns de euros e o previsto no orzamento ten a súa orixe nas subvencións tramitadas e conseguidas polo goberno da anterior lexislatura formado polo PSOE e o BNG.