Ponteareas/PSdeG-PSOE | O goberno de PP-ACIP amosa o verdadeiro acordo en materia de mobilidade urbana que se traduce nunha maior inseguridade para os peóns e un foco de fumes contaminantes e ruídos.
O anterior concelleiro de tráfico do PP, o Sr. Francisco Jesús Represas, baixo a orde da alcadesa , Nava Castro, facía retroceder a Ponteareas 10 anos abrindo o tráfico pola contorna da Praza Bugallal.
Hoxe, sabemos que o novo concelleiro de tráfico, Juan Carlos González Carrera, vai moito máis alá, convertendo unha praza premiada polo Colexio de Arquitectos de Galicia no ano 2022, nun aparcadoiro. A praza da Igrexa era ata o pasado 28 de maio un espazo de convivencia para cativos e maiores, un espazo gañado ó vehículo, un espazo de lecer, de convivencia e, en definitiva, un espazo de dereitos e seguridade para os peóns.
A Praza Bugallal foi premiada no ano 2022 polo Colexio de Arquitectos de Galicia “por la manera orgánica en la que se genera una plaza que responde a unas necesidades programáticas complejas y por el modo en el que se establecen lazos entre la contemporaneidad y la tradición sin la pérdida de identidad del lugar”. Hoxe, lamentablemente, comprobamos como os vehículos non só pasan por toda a praza senón que tamén estacionan nela.
O Partido Socialista denuncia a grave irresponsabilidade do Sr. González Carrera e a súa falta de proxecto político de futuro para Ponteareas, contrario a todos os modelos europeos de urbanismo sostible, mobilidade urbana que son insignia de progresos nas principais áreas urbanas de toda a UE. Para os socialistas esta é a demostración de que ACIP non vén a mellorar a desfeita causada polo Partido Popular nestes cinco meses de goberno en minoría, senón a agravar unha situación de caos e improvisacións que demostran que non teñen proxecto.
Hoxe estamos observando a permisividade absoluta da que gozan os vehículos en pleno casco da nosa vila. Esta situación fai que se multiplique exponencialmente o risco de accidentes, pondo en risco físico aos veciños e veciñas de Ponteareas. Estas son, en verbas dos socialistas, unha decisión irresponsable por parte do actual edil Juan Carlos González Carrera.
O Partido Socialista vén denunciando nos plenos celebrados o enorme problema de seguridade viaria, a expulsión dos peóns, nenos e maiores, das nosas rúas e a falta de capacidade para ocuparse políticamente dos problemas que atopan as persoas máis desfavorecidas como por exemplo as persoas invidentes na nosa vila.
Por todo isto, os socialistas anuncian que levarán a pleno unha moción para instar a alcaldesa a revisar esta decisión e reverter todos os cambios realizados polo seu goberno e converter de novo a praza nun espazo peonil seguro para o desfrute de todos. Ademais os socialistas, avisan de que se non o fai o actual goberno bipartido PP-ACIP o fará o PSOE cando acade o goberno.