Ponteareas/PSdeG | O ano 2022 comeza cun importante reto para a nosa vila: a construción dun novo centro de saúde que dará servizo non so a Ponteareas senón a toda a comarca. O PSOE leva moito tempo insistindo na necesidade de solicitar á Xunta de Galicia a construción dun novo centro de saúde e así o trasladou ao Pleno Municipal para acadar o consenso das distintas forzas políticas en varias ocasións.
Tras varias reunións mantidas entre o PSOE ponteareán e o BNG local, acordouse convocar a todos os grupos políticos para acadar un acordo sobre os terreos que ten que poñer o Concello a disposición da Xunta de Galicia para poder construír o novo centro de saúde.
Así o pasado luns, ás 09:45 horas levouse a cabo no salón de plenos unha reunión entre todos os grupos políticos da Corporación. Nesa reunión, o PSOE manifestou unha vez máis a súa prioridade para que o centro de saúde se ubique na parcela de Aceros del Tea pola súa proximidade ao centro da vila, polas vías de conexión e pola titularidade da parcela; en definitiva polas sinerxias que se orixinarían.
Pola súa banda BNG e ACIP mostráronse partidarios de que sexan os técnicos os que determinen onde irá ubicado o novo centro de saúde. O PSOE, pola contra, cre que deben ser os políticos e os axentes sociais da vila os que determinen a prioridade da ubicación dos terreos e neste senso, coincide co PP en que hai que constituír unha ampla plataforma política e social para chegar a un amplo consenso que sobre todo sexa beneficioso para Ponteareas.
Para o PSOE ponteareán, trátase dunha cuestión fundamental xa que “estamos a falar da construción dun edificio que perdurará moitos anos no tempo e que afectará decisivamente a aos veciños e veciñas”. A ubicación actual do centro de saúde “foi o resultado dunha decisión unilateral do que polo entón era alcalde de Ponteareas, José Castro, e resultou unha ubicación desastrosa para os usuarios do centro”, afirman os socialistas.
Por iso, o PSOE “considera necesario e urxente que tanto os grupos políticos como a parte social tomen unha decisión consensuada sobre os terreos onde se estudiará a construción do novo centro de saúde. Polo momento a única posición clara é a do Partido Socialista, que aposta claramente polos terreos de Aceros del Tea”, afirma Alfonso Porto, presidente da comisión xestora de Ponteareas.
Para o PSOE, “tratase dunha cuestión fundamental, xa que estamos a falar da infraestrutura máis importante das próximas décadas e considera necesario e urxente a constitución da plataforma ou comisión para determinar de maneira clara e consensuada a ubicación dos terreos que deben poñerse a disposición da Xunta de Galicia para a construción do novo centro de saúde.
Para o Partido Socialista de Ponteareas, a posición é clara e concisa: a mellor ubicación é Aceros del Tea.