Pontevedra/PSdeG-PSOE | O Partido Popular ten que poñerse xa a traballar, porque leva dous meses presidindo a Deputación e aínda non foi quen de poñer en marcha nin unha soa idea, proxecto ou iniciativa propias.
O voceiro do grupo provincial socialista, Carlos Font, celebra que o presidente da Deputación naufrague como monologuista do Club da Comedia intentando criticar a xestión económica do anterior Goberno provincial. “Que nos diga que a execución orzamentaria de 2023 está moi avanzada á altura do mes de setembro é un chiste malo ou unha demostración do escaso nivel do novo presidente e o seu equipo”.
O grupo socialista esíxelle a Luís López “máis seriedade” e invítao a examinar os datos do visor económico da propia web da Deputación, onde se dá conta diariamente da execución orzamentaria, non en van a Deputación de Pontevedra converteuse, durante o pasado mandato, nunha referencia nas avaliacións sobre transparencia. Tamén invítalle a repasar os datos do arqueo que se aprobaron no Pleno de constitución da nova Corporación, que dan conta dos fondos dispoñibles. “Que nos veña cuns papeliños que chama “avaliación interna” e non se sabe nin quen os fixo demostra moi pouco rigor porque nin sequera distingue entre gasto autorizado, disposto, recoñecido ou pagado”.
“Ademais, dá vergoña allea escoitar a un presidente da Deputación do Partido Popular falar dos cartos que hai nos caixóns, cando sabe perfectamente que o último presidente do PP, Rafael Louzán, tiña un caixón con 20 millóns de euros para repartir ao seu capricho, mentres que o Goberno de Carmela Silva repartiu ata o último céntimo por criterios obxectivos e non levantou un só reparo de Intervención en 8 anos”.
Carlos Font lembra tamén que o PP deixou en 2015 unha débeda de 49 millóns de euros e multas da Unión Europea pola nefasta xestión dos escasos fondos europeos conseguidos daquela. Por elo, parécelle entre cómico e patético, que se dea unha rolda de prensa na que se trata de desprestixiar ao anterior Goberno provincial, que foi o que trouxo os criterios obxectivos entre tódolos concellos da provincia, creando o Plan Concellos, a igualdade en tódalas subvencións e a transparencia en tódalas convocatorias, ademais de bater tódolos récords na consecución de fondos europeos.
Un modelo regrado baseado no Plan Concelllos
Font ve a López “moi despistado” e amosa a súa sorpresa coas insinuacións sobre o gasto en ano electoral por parte do anterior Goberno provincial: “O noso modelo de cooperación municipal está baseado no Plan Concellos, que repartiu fondos regrados aos 61 concellos da provincia; así que ¿que electoralismo pode facerse cun plan anual obxectivo, no que todo o mundo recibe o que lle corresponde e que xa coñece con antelación? O caciquismo faise cando se reparte a dedo ou se teñen 20 millóns nun caixón para repartir a capricho, como facía o PP con Louzán e volverá a facer con López”, afirma Font.
O voceiro socialista reta a Luís López a que dea datos detallados do reparto dos fondos provinciais cos Orzamentos de 2023 concello por concello, “pero non o fará porque quedaría aínda máis en ridículo evidenciando que non hai diferencias entre concellos do PSOE, do PP, do BNG ou independentes”.
“O PP sabe que o listón está alto e que non vai ser quen de continuar o que fixemos nos últimos 8 anos e por iso intenta manchar a nosa xestión económica”, afirma Font, “porque é absurdo queixarse do nivel de execución orzamentaria no mes de setembro, cando xa están repartidas tódalas achegas aos concellos, clubs, asociacións, ONG, etcétera; e máis absurdo aínda é que o faga o mesmo PP que antes se queixaba, coas mesmas cifras falaces, da baixa execución”.
Por último, para o grupo socialista “parece unha broma que un presidente minimamente informado e minimamente formado” se deteña a comentar as transferencias de fondos de servizos como Cooperación, Deportes, Cultura, Cohesión Social ou Turismo, que a estas alturas do ano xa teñen despregados tódolos seus programas.
Comisión Interparlamentaria provincial
Coordinar e intensificar a acción dos deputados e deputadas socialistas nas distintas Administracións co obxectivo de “poñer todo o músculo da provincia máis socialista de Galicia” ao servizo do obxectivo de reconquistar a Xunta de Galicia cando se celebren Eleccións Autonómicas, é o principal acordo da Comisión Interparlamentaria provincial, reunida en Vigo, con presencia de tódolos deputados e deputadas socialistas nas distintas Administracións.
A Interparlamentaria, convocada polo secretario xeral provincial, David Regades, está formada polos 3 deputados/as en Cortes, a senadora, os cinco deputados/as autonómicos/as, os 9 deputados/as provinciais e un europarlamentario. “Somos unha organización cunha forte presencia en tódalas institucións porque así o quere a cidadanía desta provincia, que nos reafirma coa súa confianza en cada cita electoral, e isto é algo que imos aproveitar ao máximo”.
David Regades fixo balance das últimas Eleccións Xerais do pasado 23 de xullo, nas que se produciu unha clara vitoria progresista na provincia de Pontevedra sustentada a partir do empate a 3 deputados/as entre o Partido Socialista e o Partido Popular.
“Para facerse unha idea da importancia deste resultado baste recordar que o PSOE ten 4 deputados/as no resto de Galicia, mentres que o PP ten 10; o 40% da representación socialista galega no Congreso sae de Pontevedra”, destacou. “Hai que aproveitar a fortaleza do PSOE en Pontevedra porque é o momento de apartar ao PP do Goberno galego”.
O “funeral” de Feijóo
Regades afirma que ve a Rueda “nervioso e despistado” e cometendo errores de vulto como o recente acto do PP Castelo de Soutomaior “que acabou convertido, diante das televisións de toda España, no funeral político de Núñez Feijoo”. “O Partido Socialista desta provincia ten claro que o noso obxectivo é recuperar a Xunta de Galicia, pero non para nós, senón para os galegos e galegas”.
O secretario xeral afirmou tamén que a provincia de Pontevedra vai ser decisiva, “unha vez que acabe este mes de setembro, que a Feijoo estáselle a facer moi longo”, para pelexar pola investidura de Pedro Sánchez como presidente do Goberno. “Unha vez que se constate o fracaso cara o que o PP se dirixe con paso firme”, o socialismo desta provincia porá da súa parte para que continúe o Goberno progresista en España. Regades engadiu que os 3 deputados/as pontevedreses/as terán, por tanto, moito peso no hemiciclo tanto na investidura como na lexislatura.
Finalmente, a Comisión Interparlamentaria fixo un reparto do traballo tanto por comarcas como por áreas temáticas de tódolos deputados nacionais, autonómicos e provinciais “porque hai moitos frontes que defender diante dun PP que, cada vez que goberna, non pode reprimir os seus desexos instintos de castigar á veciñanza dos concellos que non lle outorgou a súa confianza”. “Non imos tolerar ataques, discriminacións ou esquecementos en ningunha parte da provincia e todos e cada un dos veciños e veciñas deben saber que poden contar con nós”, concluíu.