PSOE Salceda denuncia a pasividade do alcalde ante os problemas reais do pobo

As concelleiras denuncian a falta de xestión do equipo de goberno, mentres se preocupan de viaxar co diñeiro dos veciños e veciñas.

Salceda de Caselas/PSOE | Os problemas máis importantes do concello de Salceda continúan sen resolver, case dous anos despois de comezar a terceira lexislatura do rexedor. O Alcalde espera a que a situación esté ó límite para tomar medidas, como é o caso da constitución dunha comisión para a mellora do carril bici que leva varios plenos solicitando o grupo socialista, “mentres, continúa a perigosidade e os ciclistas descenden cara Santa María pola propia estrada, xa que o carril bici se lles fai inseguro”, afirma Gela Ledo.

Verónica Tourón, incide en que a falta de xestión é evidente, “o novo centro de saúde segue sen converterse nunha realidade, a accesibilidade do actual centro continúa sen solucionarse, a pesares de que por dous anos consecutivos o noso grupo pediu que se utilizase o Plan Concellos da Deputación para reparar esta situación, obtendo só a negativa por parte do Alcalde”.

 

Nesta carreira de aparcar temas e non solucionar os problemas reais dos veciños atópase tamén, a ordenación do Polígono Industrial do Cerquido, unha oportunidade histórica para Salceda, segundo a voceira socialista. “O grupo socialista puxo encima da mesa unha alternativa seria e de total apoio a ordenación do Cerquido, sen movementos que fomentasen a especulación como pretendía o Sr. Alcalde”, pero unha vez máis demóstrase a falta de transparencia e diálogo do actual goberno local, rexeitando facer as cousas dentro da legalidade.

A pasividade do Alcalde no tema do pago dos expropiados do Raíña Aragonta, é outro dos exemplos da falta de xestión, que lle leva a ter que actuar improvisando, a golpe de sentencia xudicial, apurando agora un crédito a longo prazo, no que volve a reinar a falta de transparecia cos grupos da oposición. “No pasado pleno, preguntamos sobre este tema e solicitamos que se nos convocase a unha reunión informativa con tempo suficiente para estudar as condicións do crédito e a situación económica na que queda o concello, unha vez máis temos a convocatoria para a comisión sen ningunha información previa e enterándonos polos propios veciños de que vai celebrarse o pleno”

Xa non falemos do mantemento das vías, sendas municipais ou camiños que están en total estado de abandono, ou o tema de correos que os socialistas demandamos nun pleno fai máis dun ano e no que agora para dar resposta ós veciños se limitou a enviar un escrito.

Mentres a falta de xestión é evidente en todas as áreas, “o Sr. Alcalde viaxa a Bruxelas a lucirse ou a Bos Aires, como volta a facer nos próximos meses, para participar nos actos de celebración do centenario da “Casa de Tui” a costa do peto dos salcedenses. Dende o grupo socialista queren aclarar que Verónica Tourón, declinou o convite, “entendo que non hai nada que motive que membros da corporación viaxemos a Bos Aires a unha celebración allea ó noso concello e moito menos co diñeiro dos veciños e veciñas”. Engaden que xa a compañeira Marina Cabaleiro formando parte do goberno denegou o convite, que naquel intre aceptou o voceiro do Partido Popular.

As concelleiras socialistas instan a que o goberno local se deixe de tanto viaxe e se poña a xestionar os problemas reais dos veciños, que se deixe de tanta publicidade e que non caia outra vez na tentación habitual de deixalo para o tempo de desconto da campaña electoral.