Salceda de Caselas/PSdeG-PSOE | O grupo municipal do PSdG-PSOE de Salceda de Caselas considera aceptada a súa proposta sobre a redistribución da organización interna do Goberno local “xa que se axusta aos límites de masa salarial que dende o inicio das negociacións marcamos dunha forma clara na cantidade de 136.360 euros”, explica a portavoz socialista Verónica Tourón.
Alégrase o PSOE que agora “si lle parezan axeitadas a MS ditas retribucións” ao mesmo tempo que lamentan que o Goberno local “instalárase no vitimismo e no espectáculo” provocando a innecesaria dilación deste asunto xa que, insiste Tourón, “esta proposta razoable das socialistas leva tempo sobre a mesa”.
O PSOE rexeitou dende o inicio unha subida salarial con respecto á lexislatura anterior, e no mes de xullo xa fixo a proposta que ofrecía dedicacións aos catro concelleiros e concelleiras, ademais dunha persoa de confianza. Cren, dende a agrupación socialista, “que MS buscaba subirse retribucións e trasladar á opinión pública que a oposición quería un goberno sen retribucións”, cando a realidade, explica a portavoz socialista, “é que non querían aceptar as mesmas e que cobrarán con retroactividade dende a aceptación do cargo”.
Verónica Tourón lamenta que este acordo alongárase tanto no tempo “por mor da falla de procura de consenso e de capacidade de dialogo de MS no proceso de negociación, tanto co grupo municipal socialista como co BNG”.
“Salceda necesita arrancar e abandonar a parálise na que se viu inmerso o actual equipo de goberno que só se preocupou das retribucións, sen aportar propostas de consenso namentres o goberno do concello se atopaba totalmente desatendido”, asegura a portavoz do grupo socialista.
Insisten as concelleiras socialistas que actuarán con responsabilidade, “facendo unha oposición seria e rigorosa, con propostas en positivo que melloren a vida da veciñanza”.